«Espero publicar o libro dos 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha»

José Manuel Ferreiro Negreira
José M. Ferreiro CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

Jose Manuel Casal

Leva traballando nos últimos anos, recollendo datos e facendo entrevistas a xogadores

20 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xabier maceiras Rodríguez

Xabier Maceiras Rodríguez (Arteixo, 1970) leva traballando nos últimos anos nun proxecto no que intensificou esforzos para rematalo, e así poder plasmalo nun libro. O animador sociocultural e escritor leva dende os anos 80 loitando a prol da recuperación e divulgación da memoria histórica da súa localidade natal e das comarcas de Bergantiños e As Mariñas. Tamén é membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega e ten publicados libros de temática mariña: O mar de Arteixo e os seus naufraxios, De Liverpool ás Sisargas; a derradeiras travesía do Priam e, na actualidade, está a piques de publicar Contos mariños de Carballo.

-Pero agora cambiou de temática, ¿non?

-Estou traballando nun libro que vou titular 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, e no meu blog Crónicas de Arteixo, no que xa teño publicado algún capítulo que formará parte do libro sobre a historia do fútbol dos dous municipios.

-¿Cando estará rematado?

-Espero telo publicado este ano. Polo menos é a previsión que teño.

-¿Que poderá lerse nesa publicación?

-O fútbol modesto da bisbarra na que me criei e garda un feixe de curiosidades dignas de mención. Están na memoria colectiva daqueles primeiros directivos, adestradores, xogadores e seareiros da ducia de equipos federados que chegou a ter o Concello de Arteixo.

-¿De que clubs fala?

-Desde o Atlético Arteixo ata o Suevos, pasando polo Atlético Vilarrodís, Campanal de Loureda, Catuxa, Larín, Oseiro, Pastoriza, Penouqueira, Peñarol de Lañas, Sporting Meicende ou Sporting Uxes. E por suposto os cinco da Laracha: Paiosaco, Club do Mar de Caión, Laracha, San Román e Golmar. Neles escóndense infinidade de historias e anécdotas que non podemos nin debemos esquecer. E para isto decidín parir este libro no que, cunha volta polos tempos en branco e negro -mais tamén polos máis recentes-, pretendo recuperar e sacar á luz estas curiosidades, ademais doutros feitos e datos históricos sobre o fútbol destes dous concellos.

-¿Como está estruturada a publicación?

-Ten cinco partes diferenciadas. Na primeira delas falo sobre o fútbol arteixán-larachés antes da Guerra Civil. Na segunda, como rodaba o balón nos dous municipios dende a posguerra ata 1962, que foi cando se xogou a primeira edición da chamada Liga Zona de Arteixo. Nesta parte faise fincapé na emigración e dos fillos destes emigrantes arteixáns e laracheses que chegarían a ser figuras de primeiro orde mundial no deporte rei. Casos do Cotorra Míguez, Héctor Núñez, Rafael Souto ou Ramón Villaverde, entre outros sobre os que investiguei.

-¿E as outras partes da publicación?

-Na terceira inclúese a Liga Zona de Arteixo, onde aparecerá un resumo de cada unha das 17 edicións deste desaparecido campionato. No cuarto apartado está o fútbol dende os 70 ata a actualidade, no que hai capítulos adicados a cada un dos futbolistas nados nos dos concellos que chegaron a xogar en Primeira, Segunda ou Segunda División B, casos de Arsenio, irmáns Collazo, Suso García, Fraga, Juanito Varela, Quico ou Pea. E o quinto apartado será unha pequena historia dos 17 clubs federados.