Memoria a pé

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

A LARACHA

27 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Adiario, e dende hai anos, a xente bótase ás pistas, aos camiños. Sobre todo, aos chans. Xente sobre todo maior e por prescrición médica. Vémolos a diario, e case a calquera hora e por sitios moi diversos. Non todo o mundo pode ter a man o paseo do Anllóns, o de Gabenlle, o de Cabana, Rego dos Muíños, ou o de Caión (mellor, se se pode, estirar pola beira do mar ata Leira), por citar algún. Así que se aproveita o que se pode. Cada vez vexo máis andantes incluso polos camiños novos da autovía, ou por clásicos como o que chega a San Adrián de Malpica, e menos transitados como o que vai do cemiterio novo de Dumbría ata Berdeogas.

O andar é bo para o corpo. Para as pernas, para o corazón, mesmo para socializar. Pero tamén para a memoria, se o percorrido discorre polas pistas que os concellos foron abrindo polo medio do monte, ou mellorando os camiños vellos. Hai veciños que, grazas a esta accesibilidade, poden ver fincas que se cadra había 30 anos que non tocaban. Ou máis. Casas apartadas que cando as coñeceron tiñan vida e agora son moreas de pedras con árbores grandes dentro. Chouzas ás que de inmediato lle identifican os donos e lembran cando ían alí a cargar no mato ou nas pólas. Lembranzas que estaban absolutamente durmidas no fondo da súa memoria reviven de inmediato. Microtopónimos, anécdotas que pasaron aí, disputas por lindes, vistas do Pico de Meda ao lonxe, ou de Mira, que eran perfectas daquela porque non había pinos nin eucaliptos, e agora xa non se ve nada. Fontes que desapareceron, ríos que eran máis anchos e máis fondos, ou iso lle parecían. Os médicos deberían receitar os paseos tamén para isto. Ademais, agora non hai lobos. E se os hai, o medo é deles.