«Estou orgulloso dos investimentos que van directamente ao cidadán»

Cristina Viu, Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

j. m. casal< / span>

Para o rexedor da Laracha é moi importante o abaratamento das parcelas do polígono, pero tamén manter os servizos

29 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

José Manuel López Varela é alcalde da Laracha desde 1999, sempre con maioría absoluta. Antes tamén formou parte do goberno local, tamén do PP.

-¿Está satisfeito deste?

-Por un lado hai que contar coa situación económica do Concello, con débeda cero e pagando as facturas ás empresas en dez ou doce días. Tamén temos un remanente positivo, tendo en conta que as cargas fiscais, coma o IBI, son o mínimo permitido pola lei. Tamén estamos a facer unha boa xestión a nivel de servizos importantes, e ao mesmo tempo temos moitos proxectos de conservación e mellora de vías.

-Precisamente diso se queixa a oposición, de que só gastan en asfalto.

-Terían que facer un análise serio de toda a infraestrutura que hai no Concello. Temos 17 parques infantís e iso non son asfaltados. A parte dos tres núcleos, que requiren conservación, temos máis de 600 quilómetros de vías e 311 lugares. Facemos un esforzo anual de mantemento e desbroce, pero parece que a oposición o que quere é deixar a máis da metade da poboación sen inversión. Os dous grandes proxectos deste ano son o plan de recuperación do patrimonio histórico e investimentos en educación. Non comparto a opinión da oposición porque descoñece a distribución da poboación na Laracha. En O Canedo, en Montemaior, que é un dos núcleos máis alonxados da capital municipal, o Concello ten que ter os mesmos servizos, alumeado, estradas en boas condicións, recollida de lixo... A xente ten que ter as mesmas oportunidades independentemente de onde viva.

-O que non acaba de arrancar é o polígono industrial.

-Temos o mesmo problema que todos os da SEA. Xestur e a Xunta abaratan de forma importante o prezo da parcela. Desde o Concello fomos moitas veces mesmo a Madrid para tratar este tema. Conseguimos descontos do 25 %, pero os de Xestur son maiores.

-¿É moi importante para A Laracha?

-Moito, é o noso gran cabalo de batalla desde o ano 99. Cando chegamos formouse a nova corporación tentamos aprobar o PXOM rapidamente para poder calificar e dar servizo as empresas locais e as de fora. Está cerca das principais redes de comunicación e é o único da zona que ten gas natural canalizado. Déronse moitos pasos e hai catro empresas asentadas. Fixemos bonificacións do 95 % do imposto, pero o problema é o prezo.

-¿De que se sinte máis orgulloso?

-Dos investimentos que van directamente ao cidadán. Son moi importantes as ampliacións do colexio Otero Pedrayo e do instituto Agra de Leborís. A nivel sanitario é fundamental a construción do novo PAC para independizalo do centro de saúde, o que é unha mellora para os usuarios da Laracha e Cerceda. Precisamente aprobouse no pleno do venres. Esforzamonos especialmente nas áreas cultural e turística, para seguir captando xente, que veñan. Estamos a facer melloras e estanse vendo recompensadas con recoñecementos.

-¿Que lle parece non poder investir o remanente?

-Hai concellos que non o teñen. Nós controlamos o orzamento mantendo as cargas o mínimo posible. Temos un remanente de máis de 1.5 millóns que non podemos utilizar e que sería para moitas actividades, conservación e novas inversións que poderiamos poñer en marcha. O ano pasado pasou o mesmo.

-¿Qué precisan de otras Administracións?

- Pedimos á Deputación que faga un esforzo para mellorar os enlaces de A Laracha con Caión, con Soandres e coa Silva. Temos catro vías provinciais que aumentaron moito o seu volume de tráfico, sobre todo desde a apertura da terceira ronda da Coruña e polo acceso ao aeroporto. Precisan ampliación.

-¿Que é que lle gustaría conseguir para A Laracha?

-O fundamental é que a situación económica das familias mellore. No polígono sería importante baixar os prezos porque se as empresas se instalan aquí xerarán postos de traballo. Tamén temos que traballar nas grandes infraestruturas de educación, no pavillón, que pronto estará rematado, e na ampliación do edificio de infantil no Otero Pedrayo. Tamén nas sendas peonís ao longo da AC-552 e na ampliación da depuradora. Fixemos prazas en Soandres, Soutullo e Lemaio e están en marcha a Vila Fano de Caión e a travesía de Xermaña e demos un impulso á xuventude cos obradoiros de emprego e os campos de traballo. Todo coa colaboración da Xunta e algo da Deputación, aínda que non estamos de acordo cos criterios de reparto.

-¿Que é prioritario neste mandato?

-A nivel turístico temos a consolidación de Caión. Pola costa fixemos o sendeiro no límite con Carballo e agora queremos facelo con Arteixo. Tamén consideramos que a Deputación podería capitanear o proxecto da senda polo Anllóns, como fixo co Mandeo, porque é un espazo natural de moito valor. A nivel de patrimonio, despois da modificación do PXOM temos programado adquirir cada ano dous bens. Os primeiros serán o menhir de Erboedo e o castro de Montesclaros. Temos sete coa máxima protección e queremos implicar á Xunta e tamén ao Goberno central, para conseguir o 1 % para patrimonio do Ministerio de Fomento. Tamén importa moito manter día a día os servizos para tódolos cidadáns.