A Laracha e Carballo «ab initio»

Xosé María Arán CARBALLO / LA VOZ

A LARACHA

<span lang= gl >O significado desta imaxe de Xosé María Arán.</span> 1. Quere transmitir que se trata dun cruce de camiños: o que vén da Laracha, o que vai para Carballo e, finalmente, o que vai para Berdillo (Verdillo), o lugar a onde irá a vivir en breve. 2. A sinal de «V» vén á conta de que a xente desta localidade non ten en conta o topónimo Berdillo, senón que o escribe con V, que é o que reivindica a imaxe. 3. A cazadora verde simboliza o verde esperanza neste núcleo, e son tamén as cores corporativas de entidades como o centro social, Vieiro... 4. Para rematar, é un recuncho do rural que reivindica.
O significado desta imaxe de Xosé María Arán. 1. Quere transmitir que se trata dun cruce de camiños: o que vén da Laracha, o que vai para Carballo e, finalmente, o que vai para Berdillo (Verdillo), o lugar a onde irá a vivir en breve. 2. A sinal de «V» vén á conta de que a xente desta localidade non ten en conta o topónimo Berdillo, senón que o escribe con V, que é o que reivindica a imaxe. 3. A cazadora verde simboliza o verde esperanza neste núcleo, e son tamén as cores corporativas de entidades como o centro social, Vieiro... 4. Para rematar, é un recuncho do rural que reivindica. josé manuel casal< / span>

«Volvo coa mesma humildade e co corazón de neno para o rural do que procedo»

31 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Segundo me comentou Blandina Rodríguez (a miña nai), foi alá polo mes de outubro de 1964 e ás tres da tarde cando, despois de moitas horas de contraccións e de romper augas -menos bravas, pero seguro que máis turbias cas do Anllóns que unen as dúas terras dá miña vida- cando nacía o que escribe no lugar do Iglesario de Golmar, na Laracha, en plena cama da casa dos meus avós maternos, un parto á vella usanza, e despois posto sobre a hucha de madeira. Alí, o meu tío Ramiro Rodríguez procedía a atarme o cordón do embigo para darme saída a miña primeira independencia, pero baixo a tutela do meu lembrado pai, Luís Arán Eirín.

Pero son anos de oportunidades e meus pais, coma outros moitos, emigran á Alemaña dos substanciosos «marcos». Non me refiro aos das leiras, que destes si tiñamos e temos dabondo, senón aos das fermosas divisas que enriqueceron Galicia e España. Son tres anos suplidos co agarimo dos meus avós maternos Rafael Rodríguez, O Manco, e María García, que sempre me levaban de visita a Carballo á rúa do Sol, onde se atopaba o meu irmán Luís. Vivía na casa do meu avó paterno, José María Arán España. Por estas datas xa morrera a miña avoa María Eirín. Aos tres anos volve miña nai e co meu irmán estreamos a nova casa en Carballo, na que é hoxe a rúa Portugal, e onde estivera moitos anos a fábrica de madeira do Portugués. Alí, nesta rúa pertencente ao barrio da ghoubea tiven o epicentro para descubrir o Carballo máis humano, ese que empezaba a recibir grandes zarpazos construtivos de feísmo e especulación. Xa deixara de ser o modelo urbanístico que comentara Carrera Aldao, pero aínda conservaba zonas do vello Carballo por onde xogabamos, como a vella igrexa, o concello en fronte á librería de San Ramón, o paseo dos Baños Vellos coas súas arbores e a decadencia xa da Casa da Condesa? Tempos aqueles nos que as rúas foron nosas (co permiso de don Manuel Fraga, que Deus o teña na Gloria). Tempos de estudar parvuliños no colexio das monxas, pasando despois pola Escuela Hogar Francisco Franco, o Alfredo Brañas de Carballo, para rematar na Coruña no centro Calvo Sotelo, e posteriormente comezar o periplo profesional, primeiro nove anos no exército e despois, ata hoxe, no Grupo Calvo. Pero a semente da participación social débolla ao Fogar da Xuventude e á parroquia de Carballo, punto de partida da miña aprendizaxe con 14 anos e a posterior colaboración no mundo asociativo, cultural, educativo e social de Carballo ata hoxe en día (que sería para outro capítulo). Co saber do amigo José García, párroco carballés, así como de todos aqueles dos que aprendín tanto e como non do meu compadre Pedro Luís Fernández (o ghaiteiro), sen esquecer os que finaron, Eirís, Marino, Balboa?

O gran proxecto da miña vida

A familia foi e é cada vez máis o meu gran proxecto. Quen ía dicir que sería Salamanca xermolo do matrimonio cunha fermosa rapaza das Labradas, Amparo, e que apontoamos coa primeira pedra coa nosa filla Iria e despois con Andrea, sen esquecerme da nosa cadela Nala. Xa vedes, rodeado totalmente do sexo feminino. Despois de formar o noso fogar no barrio da Casilla durante dezasete anos, estamos a piques de ir vivir para a nosa casa da parroquia de Verdillo. Póñoo con V a pesar do topónimo, porque hai que entrar con bo pé. Despois de medio século volvo coa mesma humildade e co corazón de neno para o rural do que procedo e me sinto tan orgulloso.

De moi neno. Esta fotografía da esquerda foi feita en Golmar (A Laracha). Nela, Xosé María Arán está no colo da súa nai. O outro neno é o seu irmán.

Naceu no 1964. Encargado industrial en Conservas Calvo, é membro e fundador de numerosas entidades, unha lista tan grande que sería imposible de facer coller nunhas cantas liñas. El mesmo dá conta dalgunhas delas neste texto.