Pablo Iglesias: «Non o vou deixar por completo, irei a algún adestramento»

fran r / melissa r. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

«Houbo cambios e non se pensaba que con esta xente nova se puidese conseguir o que se logrou», di o capitán do Calvo Xiria de balonmán

24 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O central e capitán do Calvo Xiria de balonmán, Pablo Iglesias, anunciou o pasado domingo, ó rematar a disputa do último encontro da fase de ascenso a División de Honra Prata, que el, xunto co extremo esquerdo, Sergio Facal, abandonaban o seu equipo de toda a vida por incompatibilidade coa vida laboral e sentimental. Onte, o carballés quixo facelo de forma máis estendida para os micrófonos de Radio Voz Bergantiños.

-Entendo que foi unha decisión difícil, ¿non?

-Moito, polo feito de abandonar un deporte que levas facendo tantos anos. Pero tampouco é que o vaia deixar definitivamente, pois penso seguir indo a algún adestramento. Trátase de que non vou poder facelo con tanta implicación como até agora. Cada vez custa máis. Iso si, non quero ir velos xogar no primeiro partido da próxima campaña porque sei que o vou pasar verdadeiramente fatal. Pero é unha decisión moi pensada, e creo que a mellor que puiden tomar. Agora mesmo non é un deporte profesional, pero nós facemos coma se o fose, porque adestramos catro días á semana, xogamos un quinto, e a min como me toca madrugar moito para ir traballar, levántome ás 5 da mañá, pois fáiseme demasiado. Chega un momento que tanto físico como mentalmente este deporte pesa. Ó longo deste ano xa fun dándolle voltas, e nas últimas semanas que foron máis duras, xa non só polo ámbito deportivo senón por temas persoais, pois acabei decidindo parar e apartarme.

-Despediuse tamén do soño de levar ó Calvo Xiria á División de Honra Prata.

-Está claro que se vas a unha fase de ascenso e non consegues o obxectivo, acabas amolado, pero por sorte puidemos acabar o domingo con boas sensacións ao conseguir a primeira vitoria, e creo que a tempada foi incrible. Houbo moitos cambios tanto no corpo técnico coma na plantilla, e non se pensaba que con esta xente máis nova se puidese conseguir o que se logrou. Pero pelexamos e metémonos na terceira fase de ascenso consecutiva. Agora valórase, pero eu creo que dentro duns anos aínda se lle dará máis consideración ó que conseguiron este grupo de rapaces, e de amigos, máis ben, que amamos este deporte tanto.

-O Xiria é o único equipo que, co cen por cento de xogadores da casa, lle planta cara, ano tras ano, ao resto de Galicia en Primeira Estatal.

-Ás veces, ó acabar os partidos, algún rival dicíanos que a ver se ascendíamos dunha vez e deixabamos de dar caña na Liga [ri]. O que demostramos en todos estes anos é que o noso club está decidido a apostar pola xente da nosa casa, e que se se traballa ben, acábase conseguindo que o equipo chegue arriba.

-Non lograron o ascenso, pero vostede xa quitou a espiña hai uns anos ao xogar na Liga Asobal.

-Si, pero aínda así quedaríame a espiña de xogar en Prata [ri]. A verdade, grazas a todos os anos de esforzo no Xiria, tiven a oportunidade de xogar arriba de todo, que é algo que terei no recordo sempre. Foi nun momento no que non contaba con iso, e cando chegou, e goceino coma un neno.