O xurado da segunda edición do certame Enreguéifate terá que elixir entre máis de 70 vídeos

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Ana Garcia

Os galardoados coñeceranse o 23 de abril e a entrega de premios terá lugar o 2 de maio en Santiago

20 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O certame Enreguéifate, unha das actividades do proxecto do mesmo nome impulsado polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Santiago e Teo co obxectivo de poñer en valor a improvisación oral e fomentar o uso espontáneo da lingua galega, xa pechou o prazo de participación. Sóubose onte que foron máis de 70 os vídeos recibidos entre a categoría xeral e a escolar, esta última a máis concorrida, con pequenos regueifeiros e regueifeiras de moitos centros educativos repartidos pola comunidade.

Dende a organización explican que a participación medrou con respecto á pasada edición, polo que o xurado terao aínda máis difícil para elixir aquelas pezas que levarán a distinción á regueifa máis brava, á mais aguda, á mais diversa, á mais reivindicativa, á mellor cantada e á mellor falada. Esas son as categorías establecidas. O veredicto darase a coñecer proximamente, o 23 de abril, se ben a entrega de premios non terá lugar ata o 2 de maio, coincidindo co encontro Regueifesta que se levará a cabo no Auditorio de Galicia, en Compostela.

A Regueifesta

Para anotarse na Regueifesta, encontro festivo e de comunidade arredor da improvisación oral en verso, aínda está o prazo aberto. Poden sumarse centros escolares, pero tamén calquera persoa interesada, polo que tan só ten que cubrir un formulario dispoñible na web de Enreguéifate. Intervirán rapaces da nova xeración galega de repentismo, así como alumnado do País Vasco e de Cataluña, que improvisarán con bertsolarismo e glosa. Os regueifeiros Alba María, Josinho da Teixeira, Lupe Blanco, Sechu Sende e Manolo Maseda dinamizarán o encontro, que tamén terá diversas actuacións musicais.