Escenas maxistralmente engarzadas, esplendidamente executadas

jOSÉ mARÍA DE LA vIÑA vARELA

CARBALLO

Dramaturgia en gallego de la mejor calidad con «Resaca», de ilMaquinario Teatro
Dramaturgia en gallego de la mejor calidad con «Resaca», de ilMaquinario Teatro BASILIO BELLO

«Nótase o esforzo creativo e estético, para deicar cada cadro do mellor xeito posible»

16 oct 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

¡Que contraste, a apertura do pano do teatro entre a obra de hoxe, e a de onte! En Resaca, nada máis abrirse a tea, asómbrame a beleza do escenario, coa súas lámpadas mornas, acesas sobre os músicos, e a disposición dos distintos ornamentos. Simultaneamente a esta visión primeira, unha voz feminina agarima os nosos ouvidos cunha música moderna coa compaña, en directo, doutros músicos. Xa tal cousa deixoume unha boa impresión; mais, sen chegar a rematar esta interpretación, é interrompida por outros dous personaxes que nos ofrecen unha longa, curiosa e simpática conversa, case como rifando, xirando toda ela, ó redor da palabra gusto. Todo isto sérveme para xulgar o traballo interpretativo e de dirección da obra que imos ver; ó tempo que me amosa o coidado da súa posta en escena. Aínda terei máis sorpresas, pois a medida que transcorren os minutos, teño ocasión de comprobar a tremenda beleza plástica dalgunhas escenas, que sobresaen pola súa orixinalidade. E nótase o esforzo creativo e estético, para deixar cada cadro do mellor xeito posible. E para tal fin botan man dunha morea de recursos: lembrade a escena dos mixtos acesos, para medir tempos, mentres enumeran palabras e recordos por parte de cada actor ou actriz. Lembrade a soberbia escena musical que comeza co metrónomo non chan, e unha actriz bailando sentada (¡mais así é!), e como vai aumentando o acento interpretativo ó longo dos minutos, tanto na voz masculina, como dos xestos da actriz e mesmo do músico que os acompaña. Lembrade a pequena coreografía ó redo dunha canción. Lembrade o tango. Lembrade o diálogo «dos tambores». Lembrade a escena das botellas, como un xogo dun si ou dun non. Ben seguro que me estou esquecendo doutras máis. E é que a peza está formada de anacos, de escenas diferentes, maxistralmente engarzadas; esplendidamente executadas e coidadosamente elaboradas.

As palabras; a palabra, dicía o seu director (Tito Asorey) no Café Con, unhas horas antes. E tiña razón. A palabra é o ladrillo principal desta construción. Disto estaba eu avisado; pero non da excelencia da súa música, sempre oportuna; e da coidada preparación dos cadros escénicos, para contar a historia da amiga Alex, único fío común de toda a obra. Pois, á fin e ó cabo, o máis salientable desta representación, é que está feita de anacos, a modo de retallo de creacións artísticas, verbais, musicais, de danza, de imaxe, de movementos... Iso fai que non teña un todo compacto, homoxéneo, senón un conxunto de cousas, harmoniosamente cosidas. Pero para min, non é menoscabo; pois, en conxunto, levoume polo aira de sorpresa en sorpresa (todas gratas); nun popurrí de recursos teatrais e escenas aleivosamente imaxinadas. Non me chega o espazo do que dispoño, para contarvos o feixe de cousas boas que hoxe vin: o ritmo, a interpretación e a posta en escena, normalmente pezas fundamentais para falar da calidade dunha obra, non son hoxe as únicas virtudes das que esta creación vai sobrada. Crédeme se vos digo que me deixou un moi bo sabor de boca, e que pagou a pena a sensación de peza composta, pola enorme demostración de labor interpretativo e creativo do que fai gala.

Se cadra non sería estraño, que esta mostra de teatro galego, ben merecera algún premio María Casares ou mesmo un Max. E o intenso e sentido aplauso final da representación, dá conta deste sentir, polo que se viu, por parte do respectable. Teñan bo día.

«Non me chega o espazo para contar o feixe de cousas boas que hoxe vin»

«Esta mostra de teatro galego ben merecera algún premio María Casares ou Max»