Nin farrapo de gaita

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

CARBALLO

25 jul 2017 . Actualizado a las 20:41 h.

O sector agro alimentario galego é estruturalmente deficiente e ineficiente e tampouco forma parte das preocupacións gobernamentais da Xunta en materia de políticas activas deste sector a pesares de certos sinais que amosan a súa capacidade produtiva para ser un factor económico sólido, importante e sostible. Este ano espérase acadar unha das mellores colleitas de millo e patacas por mor da conxunción de dous factores básicos, como son o binomio auga/sol. Pois ben, este país non pode depender de que chova ou faga sol cando Deus quere, senón de que os agricultores teñan os coñecementos e a capacidade no manexo dos cultivos con técnicas modernas como acontece na meirande parte do territorio español.

Fai uns meses, Feijoo participaba nun acto dos cooperativistas de Clun -unha alianza de Feiraco, Melisanto e Os Irmandiños (os de sempre)-, para ver de arranxar o problema do sector lácteo, que o precisa, pero moito me temo de que o conto non pase de catro amaños para gastar os 230 millóns, que fracasarán porque Galicia precisa, ¡con prioridade!, dun plan hidrolóxico no campo. Sen iso non haberá fixación da poboación no rural, nin farrapo de gaita. Ademais, esquécese actuar no eido das pequenas e medianas explotacións, granxas familiares incluídas, que deixaron o do leite, por ruinoso, para centrarse na produción cárnica e nos produtos hortícolas e agrícolas que teñen moita máis viabilidade nos mercados. De feito somos deficitarios a nivel galego cando deberíamos ser exportadores a nivel nacional, pero a Xunta en vez de axudar estorba.