Ouro de lei

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

28 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Na antiga Grecia empregaban o froito da alfarrobeira, o quilate, para medir a pureza do ouro. Co tempo, fíxose ben doado calibrar a calidade do metal precioso. Como paradoxo, a súa fermosura ten traído moitos males a humanidade. A cobiza da xente non ten límites. E se é fácil mirar a calidade do metal, non o é tanto medir a bondade das persoas. O autor de traxedias Sófocles adoitaba dicir que a obra más bela do ser humano é serlle útil aos demais. Ese é un dos verdadeiros sistemas de medición. Sendo así, hai uns días xubilouse unha persoa que lle ten sido ben servizal aos máis próximos. Un deses individuos marcados polo rigor, a seriedade e a profesionalidade. Hai persoas que nunca se deberían retirar, pero hai que recoñecer que todo o mundo ten o dereito a descansar cando lle chega o tempo. Aínda así, hai xente que semella moi difícil de substituír, a lo menos nas mesmas condicións. Persoas que marcan épocas. José Manuel Casal é un deses exemplos. Non só deixou unha folla de ruta impecable. Un fotógrafo modelo, por calidade, perfección, dedicación e comportamento. Humilde e digno ao mesmo tempo. Por onde pasou sempre deixou portas abertas. Dedicado ata a perfección, deixa un traballo difícil de superar, un arquivo para a historia. E sen gabarse nin desprezar a ninguén e aportando traballos que superaban os exames máis rigorosos. Nada se lle resistía: narcotráfico, sucesos, política, acontecementos sociais, retratos, paisaxes... Aventuras miles en máis de dous decenios de xornalismo do de verdade. Nada era para figurar nin para o aplauso fácil. Auténtico ouro de lei, dese que cotiza alto no mercado da humanidade.