Aquela premonición

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

CARBALLO

27 jun 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

Hai uns tres veráns cumprimos coa tradicional e deleitosa liturxia de facer unha ou varias peregrinacións gastronómicas a Portugal para degustar o bacallau, o seu prato estrela, e topamos cun restaurante que tamén incluía na súa carta o cabrito. Esa foi a miña opción, marcando a posición no meu GPS para repetir, o que fixemos no ano seguinte e, na metade do xantar, dixen o seguinte: «Os portugueses xa non levan as cabras ao monte, ¡mal rollo!». Vendo as imaxes do gran incendio de Pedrogão Grande calquera se decata, amais do custo económico, da dificultade técnica para manter limpas as marxes daquela estrada-trampa, moi semellante da que dende a Serra de Outes sube ata Pino do Val. E nestes casos, como escoitei dun experto, soamente se poden evitar estas traxedias con predadores, como son as cabras e ovellas.

Non teño datos dos custos que supón o mantemento das estruturas de prevención e apaga-lumes galegas, pero non me fan falla para considerar este asunto. Abonda cos 64 finados e máis de 135 feridos neste tráxico inferno portugués, por iso a Xunta ten que elixir, entre moitas outras das súas ambigüidades, como a sobreprotección de lobos e xabarís, ou apostar pola estimulación do sector rural, como tampouco os alcaldes deberían eludir as súas responsabilidades, por moi impopular que sexa ditar bandos impoñendo as obrigas de limpar as marxes de ríos e cunetas lindeiras coas súas propiedades e multando en caso de incumprimento, como sempre se fixo ata que apareceu o voto cativo. Un bo gobernante é aquel que nunca declina da súa autoritas.