As casas museos e fundacións únense hoxe en torno a Pondal

La Voz

CARBALLO

Unha trintena de entidades están convocadas a participar nun encontro no Couto

24 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Os actos programados para conmemorar o primeiro centenario da morte de Eduardo Pondal están a piques de chegar ao seu fin, pero antes de rematar haberá tempo de ser partícipes aínda de convocatorias de gran calado e cargadas de simbolismo como a que terá lugar hoxe na aldea pontecesá do Couto.

A sede da fundación pondaliana servirá de escenario dun encontro das casas museos e fundacións de escritores de Galicia que terá por obxectivo tanto lembrar e homenaxear ao Bardo de Bergantiños como facer un achegamento entre as distintas entidades e unha posta en común dos problemas que sofren e comparten.

Os participantes

A convocatoria está asinada por responsables das fundacións Pondal, Rosalía de Castro e Curros Enríquez e os destinatarios son unha trintena de entidades de toda Galicia: as fundacións Emilia Pardo Bazán, Luís Seoane, W. Fernández Flórez, Camilo José Cela, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Torrente Ballester, Manuel María, Uxío Novoneyra, Vicente Risco, Losada Diéguez, Ínsua dos Poetas, Carlos Velo, Filgueira Valverde, Illa Couto, Penzol, Neira Vilas, Carlos Casares, Plácido Rodríguez Castro e López Abente; as Casa Museo Rosalía de Castro, Otero Pedrayo, Ramón Cabanillas, Francisco Fernández del Riego, e Francisco y Julio Camba, ademais da Casa da Troya, a Casa Natal de Valle Inclán, e o Museo Valle Inclán.

Os obxectivos

«Somos conscientes de que na meirande parte dos casos a xestión do noso día a día responde a moitos parámetros comúns, entre os que seguro que tamén son comúns as necesidades que temos», explican Xosé María Varela, Anxo Angueira e Antonio Piñeiro na convocatoria desta xuntanza que se comezou a organizar a raíz dos contactos establecidos entre os participantes na Asociación de Casas Museo e Fundacións de Escritores.

Tamén explican que o obxectivo do encontro non é crear unha nova asociación, pero si estreitar lazos e estimular iniciativas conxuntas como o itinerario do Rexurdimento que as tres entidades están xa promover

Ademais, os participantes poderán facer chegar as súas inquedanzas ao Goberno autonómico, posto que no acto de hoxe está prevista a participación como ouvinte do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Presentación literaria

A reunión de traballo dará comezo ás 12 horas e incluirá unha lectura de poemas alusivos a Pondal e do propio autor pontecesán. A continuación celebrarase unha nova sesión da Cova Céltica, que esta vez terá como protagonista ao escritor cormelán Suso Lista, que fará unha presentación do seu novo libro, Charamuscas. E a xornada concluirá cun xantar de confraternidade.