Fermosos piñeiros

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

23 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Co dramático incendio de Pedrógão Grande, en Portugal, as redes sociais enchéronse de clamores ao redor da necesidade urxente de que «hai que cambiar o modelo forestal». Partindo da base de que tal cousa é necesaria e de que a enorme propagación de eucaliptos xa se revela non só como unha praga para o ecosistema ou unha ameaza efectiva contra o noso patrimonio cultural e arqueolóxico, senón tamén agora un problema de seguridade pública, inmediatamente xa se propuxeron como modelos alternativos os soutos de castiñeiros e as fragas de carballos.

Galicia é un país complexo, con solucións ecolóxicas moi distintas, dependendo da comarca; ao entender que a «auténtica» paisaxe galega é a dos soutos e fragas, estamos de algún xeito tirando unicamente dos tópicos que construíron unha imaxe de Galicia baseada unicamente no rural.

E nós, na costa, sabemos que Galicia tamén é mariñeira e que, tal e como representaron Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e outros pintores de primeiros de século, a nosa paisaxe tradicional tamén foron os bosques de lanzais piñeiros. Velaí está o himno para demostralo.

O piñeiro, se cadra por mor do seu uso nas repoboacións franquistas, levou por ósmose o descrédito do eucalipto. Potenciar esa especie de crecemento rápido, e tamén resistente ao lume, pode ser un bo punto de partida para contribuír a erradicar esta lacra da ausencia de política e sensibilidade forestal. Así, igual un día podemos falar do realmente importante: como agregar valor (e prezo) á nosa madeira.