O Pozo da Señora do Couto: a Virxe vencida pola moura

juan félix neira pérez

CARBALLO

É un dos lugares máis feiticeiros da parroquia de Cospindo, do que escribiu Pondal

13 jun 2017 . Actualizado a las 04:00 h.

Contadas son as ocasións nas que Pondal honra nos seus versos a mulleres reais, de carne e óso. Porén, posuidor dun universo ficticio tan rico como coherente, si incorpora a figura da fada, categoría á que pertencen as sete ás que alude polo seu nome: Baltar, Bergantiños, Contemunde, Morón, Morpeguite, Rouriz e Temunde. Escribiu tamén o bardo un poema titulado A fada dos montes (1872). Habería que engadir outras personaxes mariñas, talvez ondinas ou sereas. Segundo Manuel Forcadela, estas «mulleres extranaturais», relacionadas co mundo mítico das lendas célticas e das tradicións populares, «traducen diversas arelas do poeta, como a volta á infancia, a capacidade visionaria, o afán de transcendencia».

Microtopónimos con lenda

O certo é que o bardo vivía nunha xeografía propicia para estes estímulos, como demostra nun documento en español no que recolle varios microtopónimos do seu «val nativo» con cadanseu comentario. Así, na fonte de Vilar de Montes «dice la tradición popular que hay un encanto y ciertamente lo hay», como tamén no Pozo da Xerpa no río Anllóns, onde existe «un encanto, una especie de sirena mitad serpiente y mitad mujer que sumerge y fascina a los que la contemplan». «Encanto» haino tamén en Canaveas, «paraje inculto en medio del valle de Puenteceso».

Por outra banda, non faltan princesas, mouras e fadas, como no Monte Leiras, preto de Gondomil: «Sobre un peñasco dice la tradición que de cuando en cuando suele verse sentada una hada o princesa mora encantada, peinando sus luengos y hermosos cabellos con un brillante peine de oro».

Igualmente, na Furna de Alvagueiro, que é unha «profunda caverna marina que se abre bajo el Monte Blanco», disque hai outra «princesa mora encantada», que «exhibe una mesa de oro llena de brillantes y preseas». E por último, como non, o célebre Pozo da Señora, «lugar del río de la profunda canle de Lagares donde se dice habita una princesa mora encantada».

Sen dúbida é o Pozo da Señora un dos lugares máis feiticeiros da parroquia de Cospindo, un enclave do curso do río Lagares, que vai precipitándose en fermosísimos cadoiros. Quen era, quen é esta Señora? Por que unha Señora e non unha moura? Mouras e augas constitúen un binomio frecuente, como revela a Poza da Moura da parroquia pontevedresa de San Martiño de Salcedo, por citar un exemplo de entre moitos.

Pois ben, aínda que o documento non é de doada lectura, un testamento conservado no arquivo parroquial de San Vicenzo da Graña, freguesía contigua á de Cospindo, pode iluminarnos sobre un feito non insólito en Galicia: a superposición dun culto cristián sobre outro pagán, como estratexia cristianizadora da Igrexa. O curioso aquí é que seguramente o elemento cristián superposto, que adoita pervivir ata hoxe, desapareceu e deixou aflorar o orixinario pagán, que polo visto nunca debeu de desaparecer na memoria das xentes. O devandito documento, que é un dos textos máis antigos do fondo parroquial xa que data de 1671, é un «testamento de María García con una misa de pensión». No apartado das mandas, sinala: «Mando misas a Santa María de la Cascada, Santa María del Faro, Santa María de los Ángeles». E despois, insiste no mesmo legado testamentario: «Misas a María Santísima de la Cascada, Faro, Ángeles».

As dúas últimas son, en efecto, capelas ou ermidas con culto aínda vixente, ambas na parroquia adxacente de San Xián de Brantuas, mais non temos noticia en lugar ningún da advocación da Virxe da Cascada, que non deixou pegada no «val nativo» pondaliano, nin física nin espiritual no recordo da veciñanza.

Poderiamos pensar que este culto estaría relacionado coa fervenza da Brixería, pero este lugar carece de folclore lendario, como confirma Pondal mesmo no antedito inventario de microtopónimos: «Río da Brixería. Torrente que suele descender con ímpetu por la abrupta pendiente de su nombre, y forma una rugiente catarata y cascada durante el invierno, y cuyo sonido se percibe a dos y aun a tres kilómetros de distancia». Nin encanto, nin fada, nin princesa, nin moura… Nada.

En cambio, na historia oral testemúñase amplamente o carácter lendario do Pozo da Señora. Unha veciña xa nonaxenaria confirma que sempre se lle chamou «cascada» á fervenza -termo insólito a nivel coloquial- e Señora, non moura, a esta enigmática muller «vestida de blanco que iba lavar á noite, ás seis da mañá, pero cando a xente iba alí desaparecía, non era de aquí». Outro veciño quéixase de que «ahora din moura, pero eles sempre lle chamaron Señora», e engade que «escribía, peinábase e viña tocar as campanas pola noite».

Como sinala o antropólogo Rafael Quintía, non debemos esquecer que entre a Virxe e a figura da moura non faltan similitudes, xa que poden levar un neno no colo, peitearse ou estar vinculadas á auga (especialmente ás fontes) ou ás covas. Así ocorre a miúdo en Galicia, e o caso que nos ocupa non é unha excepción. Virxe (ou santa) e moura acabaron confundíndose, grazas en parte a que a moura non é un ser totalmente malévolo, e a Igrexa aproveitou esta circunstancia para asentar os seus propios cultos onde triunfaban os pagáns.

En relación ao Pozo da Señora puido darse hai séculos un culto mariano que esmoreceu. Se cadra preto do lugar levantouse unha pequena capela ou ermida que, en todo caso, no século XVIII xa non existía, pois as visitas pastorais non a rexistran. Á fin, a moura impuxo o seu poderío e desprazou á Virxe para sempre, aínda que esta, todopoderosa Ela, se resistiu a morrer de todo e logrou manter a denominación Señora, que non deixa de ser unha rareza. Podería entoar, como a cantareira Sés hai unhas semanas na Casa dos Veciños do Couto: «Non son fada nen princesa a quen mirar».

Nun soidoso poema de Pondal sobre a constatación do irremediable paso do tempo, a fada Morón, «filla da vaga brétoma», convértese en «doce fonte fría», a mesma fonte á que ía un rapaz -Pondal- a inspirarse, a «escuitar das túas augas/ as misteriosas rimas». Laméntase o vello Bardo, a quen a fada xa non recoñece. O tempo non perdoa. Así tamén no Pozo da Señora: pálida pegada, só nominal, queda xa do culto mariano. A moura primixenia, nacida espontánea e naturalmente no imaxinario espiritual dos devanceiros, acabou recobrando o seu espazo simbólico fronte ás interesadas e forzadas estratexias proselitistas das autoridades eclesiásticas.