Incendios e responsabilidades

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA CIUDADANA

CARBALLO

16 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O verán, e con el o inicio da tempada de alto risco de incendios forestais, está á volta da esquina. Algúns concellos xa teñen en marcha o proceso de selección de persoal para as súas brigadas de loita contra o lume, non obstante outros aínda non comezaron, e pode que os malos agoiros non se cumpran desta volta, pero non me estrañaría en absoluto que pasara o que xa ten pasado en campañas anteriores: que os medios destinados á extinción das lapas comecen a traballar co verán xa avanzado. Se iso sucede a culpa será, unha vez máis, da Administración, pero se nesas semanas sen brigadas traballando nos montes se rexistra algunha catástrofe medioambiental que reduza a cinsas centos de hectáreas moito me temo que ninguén asumirá responsabilidades.

Está máis que comprobado que a Administración rara vez apanda coa culpa de algo, salvo que sexa por orde xudicial. Demóstrao, por exemplo, unha sentenza que hai uns días emitiu o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia condenando á Consellería de Medio Rural a pagar unha indemnización de 180.000 euros por provocar un incendio cunha queima que se descontrolou e arrasou 475 hectáreas de monte no concello ourensán de Bande. Unha compensación que os beneficiarios reclamaron, en primeira instancia, pola vía administrativa e que acabaron obtendo pola vía xudicial ante a falta de resposta da Xunta.

Di o fallo do tribunal que a actuación foi «terceiromundista» e que se fixo «cunha absoluta falta de previsión», afirmacións que deixan ben ás claras que o que aconteceu non foi simplemente un accidente. Puido terse evitado, ou, cando menos, minimizado os danos que provocou. Hai neste país persoas, moitas de idade avanzada, que tiveron que pasar polo trago de ser detidos por cometer unha neglixencia similar ao realizar unha queima sen autorización que se acabou descontrolando.

A tolerancia cos incendiarios ten que ser nula, iso por descontado, e as accións neglixentes é preciso castigalas para que a xente tome conciencia do perigo que supoñen certas prácticas coas que noutrora había moita máis permisividade. Pero as primeiras en dar exemplo deben ser as propias Administracións e resulta que, con moita frecuencia, non é así. Non o é en casos coma os de Bande, nin tampouco coa súa dilixencia á hora de previr os lumes forestais. Iso vese, en primeiro lugar, na tardanza coa que tradicionalmente comezan a traballar as brigadas e tamén nos retrasos denunciados en máis dunha ocasión polas comunidades de montes na concesión das axudas para levar a cabo labores de limpeza nos montes que minimicen o efecto dos incendios. A prevención é a mellor arma contra o lume.