Vinte anos de historia

La Voz TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

10 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O centro de saúde de Buño é unha realidade. Trátase dunha vella demanda que anhelaron tanto o goberno do PP como os distintos gobernos que dirixiron o Concello. Aos datos remitímonos.

A cesión de terreos formalizouse no ano 2000. O 5 de xullo de 2008 o Consello da Xunta autorizou a cesión dunha parcela de 2.050 metros cadrados a favor do Sergas para a construción do centro. O 1 de outubro de 2009 a xerente de Atención Primaria na Coruña, María-Jesús Rodríguez Abellón, asegurou publicamente a súa intención era licitar as obras antes de que rematara o ano. A finais do 2010 Sanidade anunciaba, de novo, a licitación do centro de saúde e a execución de obras para comezos do 2011. E en xaneiro do 2011, a consellería solicitou a licenza municipal.

Tendo en conta tales datas, que cando o político de turno na Xunta tivera a vontade de apoiar ó fin esta demanda e mandar executar a obra gobernara vostede, é mera coincidencia. Non dubidamos que o centro de saúde estivera ben proxectado, sen embargo algún erro se cometeu na súa execución, que queda patente nas múltiples deficiencias que, despois de tan só un ano de vida, poden apreciarse, deficiencias que reflicten as fotos publicadas por La Voz de Galicia o 23 de abril.

Consideramos que o emprazamento é o correcto, pero a zona está totalmente abandonada polo goberno municipal, tanto no que respecta ao mantemento do entorno como á falta de iniciativa para encher de contido os edificios existentes. En canto ós accesos, estimamos que a senda peonil que construíron é insuficiente posto que, como ben saben, moitos veciños de Buño acceden ao centro por outras vías, en mal estado e non correctamente iluminadas.

Vostede afirma que o centro ten tres consultas de medicina xeral e unha de enfermería, dando a entender que conta con tres médicos e un enfermeiro, cando a realidade e que tan só dispoñemos de un médico en consulta (media mañá un facultativo e media mañá outro). E con arranxo a todo o exposto coidamos que, como alcalde, en vez de loar na prensa as excelencias do referido centro de saúde debería investir máis tempo en denunciar a Xunta as deficiencias existentes. Mari Carmen Sánchez e Antonio Pereira, concejales de Buño.