Aguirre

José Rodríguez Cabeza DENDE FÓRA

CARBALLO

02 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Coido que moitos da miña quinta aínda lembrarán a senlla, aquel recipiente en forma de tronco de cono que gardaba a auga de beber e cociñar recollida nalgunha das fontes que sempre había. A pouco que se bote unha ollada a calquera das nosas aldeas decatarase de que o seu asentamento está a carón dalgunha elevación. As fontes e mananciais foron determinantes na súa configuración urbanística. Respirar e beber son as dúas necesidades básicas das persoas e dos animais.

Logo, apareceron os tubos de barro achegando o líquido vital ás cortes de vacas e porcos e ás cociñas onde se situaba o pote e a gramalleira. A xestión destes abastecementos rurais era privada, tanto en conducións individuais como compartidas. Cousa ben distinta acontecía nos asentamentos urbanos nos que, paulatinamente, pasaron os concellos a facerse cargo do seu abastecemento, facéndolle a puñeta ás augadeiras.

Moitos concellos encomendaron esta xestión ás empresas privadas que amosaron ser moito máis eficientes e menos custosas. Sen embargo, moitos outros -basicamente os de esquerdas- preferiron a xestión directa, como no caso do madrileño canal Isabel II. Pois ben, iso foi, inexplicablemente, o gran erro da gran liberal de referencia española, Esperanza Aguirre, que tivo que dimitir por non ter aplicado a súa doutrina, esquecéndose do que dixera Lord Acton: «O poder corrompe, e o poder absoluto corrompe absolutamente». Agora ben, aínda que con menor intensidade, este tipo de concesións tamén están sendo obxecto de certas corruptelas que precisan dunha modificación normativa como vacina preventiva.