«Galicia, o galego e os galegos»

Xosé Mª Lema TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

27 abr 2017 . Actualizado a las 21:09 h.

Nestes tempos críticos en que Galicia perde os seus sinais de identidade, cun Goberno apático que mesmo semella colaborar nisto, recomendo a lectura do libro Galicia, o galego e os galegos, de Fernando Cabeza Quiles (Ponferrada 1953), escritor coñecido polos seus estudos toponímicos. O libro, de 150 páxinas, divídese en 12 capítulos e non ten desperdicio. No primeiro, Galicia, unha nai moi velliña, denuncia que, malia termos unha cultura ben antiga, xa recoñecida polos romanos; malia termos un idioma dos máis próximos ás raíces latinas, o chamado nihilismo nacional de Galicia fai que apenas esteamos presentes na historia política e que, por arre ou por xo, o galego e os galegos fósemos expulsados da historia oficial.

As mulleres que levaban o mundo na cabeza vai dedicado á muller galega e ós seus múltiples e excesivos traballos ó longo da historia. En De Breogán a Maeloc trata dun tema no que é especialista: a toponimia celta en Galicia. No titulado Unha utilísima ‘inventio’ e a plenitude céntrase no acerto dos galegos no «descubrimento» («inventio» en latín) do suposto corpo santo do apóstolo Santiago. Foi o inicio dunha etapa de plenitude a través das peregrinacións, cunha conexión directa co reino dos francos. A unidade cultural europea forxouse no Camiño. O reino de Galicia era respectado polos francos e polos musulmáns; posteriormente, seriamos «dados ó esquecemento» pola historiografía triunfante castelá e despois española. De grande interese é o capítulo A humillación, no que o autor fai reconto de cando, a finais da Idade Media, o reino de Galicia sufriu, dun ou doutro xeito, a «doma e castración», co inicio dunha longa etapa de desprezo e mesmo de odio cara a Galicia e os galegos ?con especial virulencia no chamado Siglo de Oro español-, minusvaloración que aínda subsiste (lembremos a Rosa Díez, e non só ela). O noso carácter prudente, a nosa indefinición, o dobre sentido da nosa retranca ?que autores ingleses comparan co humor británico-, en España tómase como apoucamento e covardía.

No capítulo A emigración remítese ós seus inicios, coma tal a repoboación forzosa de Las Alpujarras, en 1573, con familias galegas, de consecuencias máis ben funestas. En Éche unha agra aberta fala de como afecta ó noso carácter a orografía do noso territorio. A curvofilia é un dos apartados máis orixinais, no que se contrapón a nosa forma de expresarnos «curvilínea, circular, difusa, nebulosa ou cautelosa» fronte ó carácter directo e conciso dos casteláns. Ninguén mellor que Cabeza para calibrar os dous carácteres, pois por parte materna os seus avós eran da Castela profunda, que non daban entendido as reviravoltas do noso falar. Para o autor esa calma, reflexión, parsimonia dos galegos, considerada negativa para o resto dos españois, fai que os galegos, aínda que aparezamos como conservadores na política, non sexamos fanáticos, nin dogmáticos nin intolerantes. A tolerancia con que foron tratados os xudeus no reino de Galicia, onde atoparon refuxio ata cen anos despois da súa expulsión de Castela e de Andalucía, e mais a forte oposición que atopou na nosa terra o Tribunal da Inquisición, que tardou en entrar, e, cando o fixo, tivo que contratar, en 1607, un torturador do reino de Castela, porque seica non había galego «que quiera hacer esto».