Megapropietarios

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

14 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu son dos que creo que un dos elementos máis diferenciais de Galicia, ademais da nosa lingua, é, sen dúbida, que todos sexamos pequenos propietarios. Iso fai ver o mundo dun xeito moi distinto a un andaluz ou a un madrileño, e vóuvolo demostrar.  Este xornal publicou onte un excelente traballo no que certifica que máis de 340.000 galegos teñen máis de dez inmobles na súa propiedade, e a cifra medrou en 5.000 novos megapropietarios nos últimos anos. E claro, visto desde fóra, un pode pensar que debemos ser todos como Amancio Ortega, mercando edificios enteiros nos corazóns comerciais das grandes capitais do mundo.  Pero en realidade, aínda que recoñezo que unha das grandes paixóns galegas é ser pisotenente e soñar con alugar apartamentos a funcionarios e baixos a bancos, o certo é que a nós as propiedades chégannos por aluvión e son, moitas veces, un marrón difícil de xestionar.  Herdamos propiedades campesiñas de proxenitores e familiares aos que coidamos; acumulamos casas vellas e hortas descoidadas, que non queremos vender porque a propiedade, para nós, é máis que un papel, e que tampouco quererá ninguén mercar. Un incómodo sentido de pertenza, de lealdade, de casa, aínda que xa vivamos nun confortable piso no centro da vila. Nun libro que escribín hai anos chameinos herdeiros forzosos.  Así que imaxínome un foráneo escoitando a un galego queixarse do monte de propiedades. «¡Siempre estás llorando! », dirá. E farao sen entender nada de nada. De que non hai unha solución fácil para isto.