«Un premio Bo e Xeneroso faite pensar»

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A súa obra «Será correcto?», escrita coa súa filla María Canosa, é ademais finalista da Gala do Libro Galego, polo que son dúas boas novas para a escritora ceense

12 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai apenas catro días que se fixeron públicos os Premios Bos e Xenerosos que concederá este ano a Fundación Eduardo Pondal. Entre os afortunados está Concha Blanco (Lires, 1950). Nestas últimas xornadas, de feito, recibiu a felicitación de «moita xente», sobre todo alumnos. Iso é algo que lle produce satisfacción, o ter deixado un bo recordo. Concha explica que foi toda «unha sorpresa» que lle comunicasen este galardón: «Son deses premios aos que non te presentas, supón un proceso e valoración a toda unha traxectoria. Nunca te imaxinas que unha entidade así, coma a Fundación Eduardo Pondal, pense en ti», afirma. Precisamente por iso, di tamén que lle fai moita ilusión, e que non é un premio calquera. Supón, por suposto, responsabilidade: «Un Bo e Xeneroso faite pensar e meditar, compromete. Aínda que eu seguirei sendo como ata o de agora». Non suporá un cambio.

A relación da escritora ceense coas activas xentes do Couto vén de moi atrás, é unha colaboración sostida no tempo: «Os Bos e Xenerosos son eles, porque traballan moito, a cambio de nada». Di que un sempre pode estar sometido a críticas, «pero eles seguiron adiante co seu traballo». É máis, afirma rotunda: «Cambiaron a cultura de Galicia e a festa das Letras dende unha localidade pequena, eu diría que diminuta. É incrible». Hai algo que tamén resalta: «Valoran moito o deles, non hai envexas. Queren fomentar todo tipo de cousas». Fala, ademais, da implicación da xente nova, e de como se potencian as súas calidades. Por todo iso, Concha avanza que, salvo causa de forza maior, estará no Couto o domingo 14 de maio, día da entrega: «Xa teño reservada esa data».

Nestes días, esta non foi a única noticia feliz para a ceense. Veñen de coñecerse tamén as obras finalistas para a Gala do Libro Galego, promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras (AGE) e a Federación de Librarías de Galicia. O galardón pretende recoñecer a excelencia do traballo literario, e as obras gañadoras daranse a coñecer o 20 de maio, en Santiago. Concha Blanco figura na categoría de iniciativa bibliográfica pola publicación Será correcto?, traballo conxunto coa súa filla, María Canosa. Esta última, ademais, ten outra obra finalista: Non é París, na categoría de narrativa. «Tamén foi outra sorpresa», manifesta Concha sobre esta selección a raíz dunha obra compartida «que tantas satisfaccións nos está dando». Recoñece que sempre creu no proxecto, pero que nunca pensou que a acollida sería tan boa.

Pese a que xa se xubilou hai un tempo, unha mestra nunca deixa de selo: «Non deixas de aprender, nin de recibir, nin de dar», di Concha. Desconectou dos horarios, pero non do resto: segue a dar charlas por colexios, mesmamente. Tamén anda a voltas con novos proxectos de escrita: «Teño algo empezado, e agora téñome que poñer en serio». Foron 40 anos de docencia que lle permitiron ver como evolucionaron moitas cousas. O acceso á educación, aos medios de comunicación, Internet, novas tecnoloxías... Todo iso foi substituíndo a aquelas enciclopedias necesarias que, ás veces, nin sequera estaban na propia casa. Non obstante, «o básico segue a estar aí», na aprendizaxe. Hoxe, hai que traballar moito «en como saber buscar». Tamén se fai por proxectos. «Traballar de forma multidisciplinar a veces non é tan fácil, pero si que é importante», asegura.

Obras finalistas para a Gala do Libro Galego

Entre as obras finalistas da Gala do Libro Galego 2017 non só están as obras de Concha Blanco e María Canosa. Tamén hai outras de autores da comarca. En detalle, son estas:

Ensaio. «Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María», de Mercedes Queixas (Galaxia).

Narrativa. «Non é París», de María Canosa (Ed. Bolanda).

Iniciativa bibliográfica. «Será correcto?», de Concha Blanco e María Canosa. Hércules de Ediciones. Tamén «Aulas sen paredes», de Rosalía Fernández Rial (Edicións Positivas).

Poesía. «A relixión do mar», de Xosé Iglesias (Instituto de Estudos Miñoráns).