O Batallón Literario contra os franceses: un episodio esquecido

Juan félix neira

CARBALLO

«De todos os arciprestados da Costa da Morte houbo presenza». Tivo o Batallón tamén o seu himno, e a súa bandeira (bendicida polo arcebispo de Santiago), conservada como unha reliquia no reitorado da universidade compostelá

31 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Case dous séculos antes de que nos anos noventa varios poetas da Costa Morte -o Batallón Literario- militasen na arte poética, moitos mozos da comarca, fillos das máis potentadas familias que precisamente por selo podían estudar na universidade, tomaban as armas para defender a patria contra os gavachos. No arquivo universitario de Santiago consérvase abundante información sobre este corpo militar de voluntarios que, sen demasiado éxito, mudou os libros polas armas. Nunca se abordou o estudo da participación dos mozos da bisbarra, aos que hoxe imos render homenaxe, exhumando os seus nomes e a súa parroquia de nacenza. Sabemos quen foron -os seus apelidos aínda nos son familiares-, a súa idade, que estudaban e quen eran seus pais. Así consta no «Alistamiento de los profesores de esta Real Universidad para el Cuerpo Militar formado en Junio de 1808». Cómpre advertir que profesores é aquí sinónimo de estudantes; profesaban en carreiras varias: teoloxía, cánones, leis, filosofía. Debían contar máis de 16 anos; así, a súa idade oscilaba entre os 17 e os 26. Tiñan que ser literarios, isto é, estudantes universitarios, e se lles daban por cursados os meses da campaña.

Damas e mozas compostelás deseñaron unhas cintas ornadas con lendas e frases, como aquela que dicía que «Por rescatar a Fernando/ y acabar con Buonaparte/ uniose Minerva con Marte», é dicir, a universidade coa milicia. As cintas adornaban o uniforme dos cadetes; algúns supoñen que o costume de regalaren os tunos as cintas colgadas da capa ten a súa orixe neste feito. Tivo o Batallón tamén o seu himno, e a súa bandeira (bendicida polo arcebispo de Santiago), conservada como unha reliquia no reitorado da universidade compostelá.

Fracaso

Pouco se podía esperar de soldados improvisados, máis afeitos aos libros que ás armas. Un ano só durou o Batallón. Postos ao mando do xeneral Blake en Bembibre (León), e tan só dous meses despois de incorporárense, dos 1.200 cadetes alistados en xullo de 1808 Blake mandou de volta a Galicia a 352 «por falta de buen ánimo y sentimiento para sacrificar sus vidas». O que veu despois non foi moito máis alentador: cando tocou combater en Biscaia (Durango, Sodupe, Balmaseda) quedaban pouco máis de 100, xusto un ano despois do alistamento. Ata se lle cambiou o nome: deixou de chamarse Real Batallón Militar Literario para denominarse Infantería Ligera de Voluntarios de Santiago. Mais as intencións foran moi nobles, e nada similar se organizou en ningunha outra universidade española. E de todos os arciprestados da Costa da Morte houbo presenza no Batallón. Todo eles aparecen consignados co tratamento de don.

Bergantiños

Da capital de Bergantiños era Juan Domingo Penelas, mais non faltaban doutras parroquias como Manuel Carracedo (Berdillo), Francisco Rodríguez Abelenda (Rus), Joaquín Peña (Sofán) ou Josef Arixón (Sísamo), apelido este relevante en Bergantiños, vinculado á fidalguía. A presenza larachesa non era moi destacada, xa que só constan Francisco Espiñeira e Antonio Prego, de Soandres. Coristanco aportou a Josef Moscoso (Oca) e Ramón Rey Villardefrancos (Xaviña), cuxa prosapia escusa comentario; moi ben representada, desde logo, estaba a freguesía de Santa Eulalia de Castro: Tomás Pérez, Maximinio Pérez e Joaquín Fondóns. Os oriúndos da vila de Malpica, Manuel de Veiga e Francisco Paulos, matriculáranse na cátedra de lóxica e metafísica; o segundo era fillo de «don Juan y doña Nicolasa Mesura», apelido ben coñecido entre os malpicáns.

Catro cadetes houbo da freguesía cabanesa de Santo Estevo de Cesullas: José Francisco de Albareug, Pablo Rodríguez, Pablo Antonio de Castro e Ramón de Castro y Caamaño. Sen saír do que hoxe é Concello de Cabana, loitaron tamén contra a francesada Manuel Andrés Domínguez, de Nantón; Josef Orons, de San Juan de Lesto (O Esto); e Luis de Campos, de Canduas. Do actual Ponteceso, Manuel de Castro, en concreto de Pazos; e Josef Rivera e Manuel Vázquez, ambos do «Coto de Almerezo», fillo este de «don Josef y doña Bernarda Pose», nomes e apelido moi frecuentes nas parroquias de Cospindo e A Graña, noutrora pertencentes a Almerezo; non esquezamos que neste «coto» (O Couto) houbera un mosteiro de monxes bernardos. Da vila de Laxe procedía Fernando Cousillas, e doutras parroquias laxenses Josef Antonio Castiñeiras (Nande) e Antonio Oreyro y Romero (Traba).

Soneira

Vimianceses eran Andrés Lema e Juan Andrés Cantorna (Salto), Simón Mateo (Calo), Benito Trillo (Baíñas) e Juan Antonio Pérez (Cereixo). De San Andrés de Zas, Francisco Pose de Leis, do que se di que estuda «fuera de la Universidad»; de Baio, Andrés Varela Romero. Podería ser de Santa María de Lamas de Zas o cadete Mateo Quián, pero polo apelido -raro por estes lares- optamos por consideralo procedente da freguesía homónima da coruñesa de Boqueixón ou da ourensá de Leiro. Do «Puerto de Camariñas», Josef Mourín e Ramón Díaz Porrúa, tamén da «Villa de Camariñas, obispado de Mondoñedo» pois, en efecto, pertencía a este bispado, como a parroquia pontecesá de San Xoán de Xornes.

Nemancos e Duio

Do Concello de Dumbría serían hoxe Joseph González de Novoa e Miguel de Leyes (Leis), os dous de Berdeogas; e de Buxantes, Domingo Trillo. Tamén estaba ben representado o de Muxía, sobre todo as parroquiais rurais: Vilastose, con Juan González; Caberta, con Juan de Lago e Tomás de Lago, seguramente familiares. E unha freguesía de tanta relevancia histórica e eclesiástica como Moraime, que non podía estar orfa de voluntarios: Andrés Blanco e Agustín Barrientos. Tamén o veciño «Coto de Ozón», igualmente con mosteiro, tiña a Andrés de Leis y Albite e Rafael Moreiras. De Bardullas viñan Roque Quintáns e Francisco Álvarez.

Membro do Batallón foi tamén Josef María Porrúa, apelido de sona en Corcubión; e tamén Bartolomé Vidal, no que consta a nota marxinal «intruso». A xulgar polos apelidos, debía de ser foránea a orixe de «Josef de Villa, hijo de don Antonio y doña Juana Duque». Ramón Gonzalez de Lema era da «Villa de Cé», e da parroquia ceense de Toba, José Rodríguez Durán. En Santiago de Amesenda (Ameixenda) nacera Juan Pasqual de Castro Iglesias

E por último, o Finis Terrae: de Santa María das Areas, Jacobo Caamaño. Dous mozos de Sardiñeiro estudaban na cátedra de sagrada escritura: Bartolomé Díaz e Josef María Louzao (Louzán); outro era Josef Casal y Patiño.

Unha carta inédita de Alfredo Brañas que sae aquí á luz

Para completar a nómina de implicados en tan singular acontecemento, só faltaba unha figura senlleira da nosa comarca, o carballés Alfredo Brañas. O 2 de maio de 1878 pronuncia unha arenga cívica na Universidade de Santiago, na que sinala que «la traición de Bonaparte se estrelló en Galicia contra el corazón de los estudiantes». E será tamén el quen escriba en 1896 unha carta ao gobernador eclesiástico do arcebispado solicitando a colocación dunha placa na praza da Quintana. A inédita misiva, que sae aquí á luz por vez primeira, consérvase no arquivo diocesano de Santiago.

Di así: «Tengo el honor de participar á V.S. en nombre de la comisión ejecutiva para dedicar un recuerdo al Batallón Literario de 1808, que se proyecta colocar en el lienzo de pared del Monasterio de San Pelayo que da a la plaza de la Quintana una lápida de mármol y una corona de bronce dedicada a los héroes literarios que dieron su sangre en los campos de batalla por la libertad y la independencia de España. Ruego a V.S. se digne conceder permiso a la Comunidad para que así lo haga, a fin de colocar en dicha pared la lápida y corona mencionadas. Del mismo modo ruego a V.S. se digne cooperar a la mayor solemnidad y esplendor de la función cívico-religiosa que ha de celebrarse en el próximo dos de mayo, asistiendo a la misa de réquiem y procesión cívica y concediendo toda la protección necesaria para la realización de los proyectados festejos. Esta Comisión anticipa a V.S. las más expresivas gracias y el que suscribe le ofrece el testimonio de su consideración personal más distinguida. Dios guarde a V.S. muchos años. Santiago 28 de abril de 1896. El presidente, Alfredo Brañas».

A xestión do carballés foi frutífera: alí segue a placa, no muro do mosteiro de San Paio de Antealtares, na Quintana de Mortos, que foi chamada entón tamén Praza de Literarios; de feito, tal é o nome da cafetería actual na Quintana de Vivos, a carón da capela da Corticela. En fronte da placa, 24 personaxes bíblicas -os anciáns da Apocalipse, disque- da Porta Real: máis dun século levan léndoa, pétreos e imperturbables, nun dos lugares máis emblemáticos da espiritualidade occidental.