Brexit

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

30 mar 2017 . Actualizado a las 10:13 h.

Hai moitos emigrantes da comarca en Londres que sempre levaron dentro unha sensación de brexit, por moita Comunidade Europea á que pertencéramos. Xa de antes. Sei dunha que leva aló 46 anos e sempre tivo esa impresión, recoñecendo, claro, todas as oportunidades que ofrecía a cidade, que son moitas. O tema é outro. O trato, a sensación. Nunca se me olvidarán aqueles funcionarios desaboridos na aduana de Luton, nos 80, cando chegabamos coa compañía Monarch, que facía chárter e adiantouse ao baixo custe. A cara que nos poñía: dáballe igual que non faláramos inglés, el dirixíase a nós así igual, ata que algunha alma caritativa e políglota botaba unha man para non ter que dicir a todo que si. Imaxino que aos que ían a Suíza e os paraban na estación de Cornavin sentirían o mesmo.

Pola zona de abaixo de Camden había moitos emigrantes da Costa da Morte. Algunhas rúas aínda conservan o ulido daqueles anos. Pasar por elas é máis realista que unha foto da época. Nestes barrios, ao contrario que en Suíza, nunca houbo esa unión dos veciños. Máis ben só familias, coñecidos, xuntos de vez en cando. Sei dalgún caso de dúas paisanas de dúas parroquias de Zas que vivían a 200 metros e tardaron como 30 anos en falarse. Non por mal: a vida é así, moi individualista, imos chamarlle brexit interior, de capitalismo puro no que hai que dedicar as máximas horas ao traballo. Ás veces, uns e outros reflexionaban sobre isto nas habitacións do London University College Hospital, alí por Euston, con vistas de medio Londres. Pero xa cando era tarde, ou estaban enfermos. A toda esta xente, o brexit tamén lle chega tarde.