A Deputación da Coruña convoca 12 premios culturais

La Voz

CARBALLO

A maioría deles están dotados con 6.500 euros e todos prevén a difusión das creacións galardoadas

23 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A creación cultural nos eidos máis diversos é o eixo dos distintos certames que organiza a Deputación da Coruña e cuxo prazo de presentación acaba de abrir. Son 12 premios en total coa incorporación do Begoña Caamaño, creado para promover as iniciativas pola igualdade de xénero. «Desde a área de Cultura queremos incentivar a creación coa convocatoria duns premios que queren, ademais, converterse en eventos culturais, arredor dos que xiran actividades de promoción e difusión dos distintos ámbitos», explicou onte a responsable provincial de Cultura, Goretti Sanmartín.

Os primeiros en pechar o prazo (o 1 de xuño) de presentación dos traballos serán o 15.º Certame Isaac Díaz Pardo de Artes Plásticas e o 11.º Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil. O 10 de xuño concluirá o do Torrente Ballester de Narrativa, o máis veterano de todos con 29 edicións e que desde o ano pasado está dividido en dous: castelán e galego. O 15 de xuño concluirá o prazo do 12.º Premio Castelao de Banda Deseñada.

No caso do Premio Rafael Dieste de Textos Teatrais, que acada este ano a maioría de idade, ese prazo rematará o 1 de xullo. O día 15 farano o 11.º Premio Manuel Murguía de Ensaio, o 12.º Premio Andrés Gaos de Composición Musical e o 9.º Concurso para Grupos e Artistas Musicais, que a partir deste ano leva o nome de Fran Pérez Narf. No caso do Premio Jesús Núñez de Artes Gráficas o prazo estará aberto do 1 de xuño ao 30 de xullo e no Begoña Caamaño, ata o 30 de agosto.

A maior parte das convocatorias teñen unha dotación económica de 6.500 euros, aínda que no Torrente Ballester chega aos 25.000. Ademais, todos incorporan diversas fórmulas para difundir as obras, como publicación, exposicións e concertos.