Esas valiosas pedras

Carlos F. Coto A OPINIÓN DO EXPERTO

CARBALLO

13 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Aseñora Manuela pasaba pola igrexa todos os días despois de xantar para comprobar que todo estaba en orde, acendía unha vela ao santo, ventilaba o edificio e, de cando en vez, pasaba un pano ao retablo. Cando había algún retoque de pintura ou algunha tella fóra do seu lugar, ía á casa do Fernando, que era albanel e tiña un parente carpinteiro. O cuñado de Manuela supervisaba cada semana o adro, o camposanto e aquelas pedras raras que había detrás do templo, a herba sempre estaba repasada e non había herbas entre as pedras.

Con independencia das súas ideas, todos poñían cartos para facer labores de mantemento do seu patrimonio, do que toda a parroquia consideraba propio.

Uns morreron, outros emigraron á cidade, e cada vez queda menos xente na aldea que se preocupe de cortar a herba, de mirar polas pedras, de restaurar os bancos, pero tamén comparten o cura con sete parroquias máis, polo que aquela organización -espontánea pero férrea- cada vez é máis débil, case agónica.

O pasado mes, para máis desgraza, roubáronlle as campás e os que quedan no lugar están desolados, sen forzas para tirar do carro, cada vez máis pesado.

Este non é un parágrafo dunha novela, é a triste realidade do rural galego.

É a triste realidade do país, que ten tantas igrexas como o resto do estado xunto, que ten bens patrimoniais case exclusivos desta cultura: cruceiros, hórreos, sartegos ou petos de ánimas, que como conxunto definen a identidade galega, distinta de calquera outra, e que non podemos deixar que se bote a perder.

É a xente do rural a que mantivo sempre vivo, durante séculos, ese patrimonio e a custodia do territorio. É agora a perda desa poboación a que comeza a dar a voz de alarma sobre o coidado e mantemento do que nos define como pobo.

Non sabemos como imos poder transmitilo ás xeracións vindeiras, pero si sabemos que depende en gran medida de que o rural siga habitado por persoas que saiban -como souberon- da responsabilidade colectiva que teñen coa historia de Galicia.