«Temos que saber vendernos en positivo»

Luis García, Verónica Couto CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Jose Manuel Casal

César Resch defendeu en Radio Voz a necesidade de atraer inversores ao sector lácteo

23 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

César Resch Zafra é investigador do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), no municipio de Abegondo, ademais de coordinador dun grupo de traballo de vinte expertos da Unión Europea, no cal tratan todo tipo de cuestións relacionadas coa produción láctea, alimentación, xestión, medio ambiente... Buscan unha visión global para actuar no local. Resch participou en Voces do Agro de Radio Voz Bergantiños, conducido por Luís García.

-¿Cal é o panorama da produción de leite en Europa?

-Neste grupo [20 expertos, nos que tamén hai gandeiros, e 5 persoas da equipa da dirección] estamos intentando deseñar as liñas de futuro do sector lácteo europeo para tentar saber que sector queremos ver de aquí a 20 ou 25 anos. Estamos comezando o traballo, ao final acabaremos cun documento que basicamente intentará analizar e ver puntos importantes, como por exemplo por que a innovación non chega ás granxas. Estamos ante un panorama diferente do que había antes do 2008. Agora é todo moito máis cambiante. Hai un tema co que eu son especialmente sensible, a percepción social da produción de leite. O outro día tivemos unha reunión en Zagreb, e impactoume bastante un comentario dunha gandeira, do norte de Alemaña, que dicía que a produción de leite terá éxito se é capaz de obedecer os mandatos da sociedade, que é o que nos vai a dar unha licenza para producir. En Galicia non estamos alleos a nada diso, temos que saber vendernos en positivo.

-¿Todo un reto acadar o permiso e a confianza do consumidor?

-Si. Por exemplo, damos unha permanente imaxe de protesta, que con isto non digo que as reivindicacións non sexan xustas, pero non acontece así noutros sectores. Hai valores moi positivos que se poden poñer en valor dentro deste sector.

-Galicia na produción de leite é unha potencia. ¿Non si?

-Si, estamos de oitavos. Este ano vaise pechar con unha produción de 2,6 millóns de toneladas, e somos 2,7 millóns de habitantes, así que estamos producindo 1.000 litros por habitante, o que sería 3 litros diarios. Eu escoito a veces que hai que incrementar o consumo de leite, que está moi ben, pero esa non é a solución do sector lácteo galego. Ten que exportar, exportar conscientemente, estamos dentro do Estado Español obviamente, pero os produtos franceses e holandeses teñen dereito a entrar, por tanto teremos que mirar nós o noso mercado natural, que sería o español, pero tamén empezar a pensar en mercados de fóra. Eu participo activamente na Asociación Terra e Leite e realmente estamos preocupados polo tema industrial. Temos unha produción gandeira de leite de primeira división, podemos ser mellores, máis eficientes, pero teño que dicir que a industria non é de primeira división. Estamos moi centrados en produción de leite líquido. E sobre todo unha cuestión, en torno ao 20 % do leite que se produce en Galicia non se transforma en Galicia e iso é un hándicap.

-¿Temos carencias estruturais notables?

-Si, pero o que ocorre é que tamén temos que sacar peito a veces: temos unha estrutura deficiente, manifestamente mellorable, pero tamén somos unha rexión do sur de Europa na que temos sol e chuvia, e iso convértenos nunha das rexións máis favorables dende o punto de vista da produción. En Europa basicamente as zonas mellor para isto están no arco Atlántico, dende Irlanda á Bretaña Francesa, País de Loira, Holanda, Bélxica e incluso o norte de Dinamarca, e ademais o noso norte, onde queda Galicia como rexión importante de produción de leite, digo en canto a volume. Pero temos un hándicap, se nos imos ao nivel peninsular, o que é o cuadrante noroccidental da península Ibérica, prodúcense catro millóns de toneladas de leite. Un montón de leite que temos que mover no mercado peninsular, no cal non hai sitio para tanto, e de aí derivan grande parte dos problemas. Un mercado que distingue orixes pero non tanto como pensamos.

-Falaba vostede antes dun problema, a industria.

-Hai que pensar, con respecto a Galicia, canto leite recollen as cooperativas, canto industrializan... Son cifras moi por debaixo doutras europeas. Realmente en Galicia nos últimos anos o investimento é testemuñal. Hai que facerse atractivos. Os organismos públicos teñen que mollarse en canto a iso, facilitar estas cousas para facernos atractivos. Eu creo que deberíamos facelo, porque o sector produtor é un sector que funciona ben, encima hai capacidade de produción e ese leite está aí, esperando por produtores.