A túa casa non queda tan lonxe do mar

Asoc. Mar de Fábula TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

03 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Adía de hoxe e despois de 13 meses de seguimento de cinco praias piloto da Área Metropolitana da Coruña e moitas mostraxes aleatorias en diferentes praias da Costa da Morte, a asociación Mar de Fábula ten xuntado nas súas instalacións unha arrepiante colleita de 23.397 bastonciños de algodón de todas as cores. Mesturados entre eles, centos de aplicadores de tampóns, tamén cun amplo surtido de cores. Todo un mostrario dunha contaminación biolóxica e plástica que vai dos retretes ao mar e que a dinámica litoral nos devolve na area, a modo de agasallo envelenado

Ademais, temos recollido centos de paíños plásticos de caramelos tipo chupa-chups que non foron contabilizados por non termos seguridade da súa orixe. Engadido a este panorama, nos meses do último inverno, cando as redes de saneamento non deron feito polas chuvias intensas e os aumentos do caudal a transportar, os aliviadeiros na costa vomitaron en determinadas praias masas de celulosas, cueiros, toalliñas, salvaslips, cabichas...... adobadas con bastonciños, aplicadores de tampóns e outros compañeiros de viaxe. Todo un repulsivo despregue de intimidades procedentes dese coto privado e intransferible dende o que se pode agredir impunemente á natureza, co simple ritual de tirar da cadea.

Cunha base de datos máis que contundente en canto a liña de litoral percorrida, horas invertidas, número de bastonciños de algodón recollidos e constatación do seu estado (nunha alta porcentaxe rotos, esmagados, degradados en anacos miúdos), dende Mar de Fábula estamos en disposición de asegurar que estes refugallos plásticos, pola súa presenza en todas as praias de Galicia, nalgunhas de forma masiva, constitúen un dos contaminantes máis agresivos para o medio ambiente e a fauna mariña.

A Unión Europea, na súa Directiva de Estratexia Marco para o Medio Mariño (MSFD), considera que o método máis eficiente para limpar o mar é atallar as fontes de contaminación na súa orixe. Na nosa asociación tivemos en conta esta premisa dende o arranque do noso estudo, porque é aquí onde radica o único aspecto positivo desta específica contaminación ambiental, coñecemos a súa orixe: os cuartos de baño da poboación. No día 5 do pasado xuño e coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente, Mar de Fábula iniciou unha campaña baixo o lema A túa casa non queda tan lonxe do mar para informar, sensibilizar e romper coa indiferenza da cidadanía sobre este grave problema ambiental. A solución viría simplemente con facer unha pequena alteración nos nosos hábitos e non botar os produtos de hixiene íntima polo váter senón depositalos nunha papeleira ou recipiente de inorgánicos dentro da nosa casa. Este pequeno cambio de costume conlevaría un extraordinario triple efecto: unha toma de postura activa na defensa do medio ambiente por parte do cidadán, unha disminución nos atascos nas redes de saneamento e a eliminación dun perigoso contaminante do mar.

Esta campaña témola deseñada en tres fases cun período de duración anual e cunha vontade de prolongala no tempo conectándoa con campañas similares, actualmente en curso a nivel europeo. Para o financiamento da primeira fase, á nosa asociación tenlle sido concedida unha subvención económica por parte da Área de Medio Ambiente do Concello da Coruña co fin de financiar todo o soporte publicitario a nivel de rúa e de comunicación. O obxectivo común é implicar á cidadanía nun imprescindible proceso de cambio cultural de cara a un desenvolvemento sustentable e xusto da sociedade actual. Dentro da campaña e a modo de ensaio, temos previsto facer unha entrega simbólica dun número de papeleiras para os cuartos de baño nun barrio da cidade situado de cara ao mar.