Pepe Agrelo (10)

Maxi Olariaga LA MARAÑA

CARBALLO

23 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dous paus cravados, un feixe de palla, unha chaqueta do color do vento e un sombreiro cheo de buratos: ESE SON EU. Agora, dez anos despois da túa ausencia, interpreto como un legado a páxina primeira do Espanta-paxaros, con esa afirmación final en letras maiúsculas: ESE SON EU. O inicio do conto é a sinxela definición de ti mesmo. Reléndoo, despois de tantos anos, adiviño que non se trata dunha suxestión inducida pola túa xa longa ausencia, senón que, o libro co que gañaches O Facho aló polo 1971, non é outra cousa que unha temperán autobiografía. Quen senón ti podería dicir: «Non me lembro do tempo que hai que estou eiquí, no medio e medio da leira do meu amo». Claro, Pepe! Naquela hora entendestes o asunto da leira do amo…

Canto temos que agradecerche que nos amosaras o camiño! Eramos inconscientes de que había amo e de que era cruel. Por iso deixáchelo escrito nas memorias do Espanta-paxaros. Nas túas memorias. Houbo un tempo, os días antes da transfiguración total do teu ánimo, no que fostes Espanta-paxaros; «Inda que sexa un espantallo tan ‘señorito’ coma min», escribes de ti mesmo. Paréceme incríbel que tantas e tantas veces coma lin este teu conto, abríndoo ao chou coma se fose un evanxeo, nunca viñera a dar en que todas aquelas verbas e meditacións non eran outra cousa que a túa verdade núa e limpa. Coido que o souben cando, a pesares do encargo que che tiña dado o amo, lin que «porque habedes de saber que outra cousa da que estou moi orgulloso é da amizade cos paxariños». Dez anos despois, comprobo que o luceiro da revolución segue aceso. Unha aperta, camarada!.