A miña veciña é a resiliencia

ramón vilar landeira FÓRA DE COBERTURA

CARBALLO

25 sep 2016 . Actualizado a las 22:40 h.

A resiliencia é a capacidade que ten un material para recuperar o seu estado inicial cando cesa unha perturbación á que estivo sometido. Isto mesmo é aplicable aos seres humanos. Por iso falamos de persoas resilentes, que son aquelas que teñen unha capacidade especial para se sobrepoñer ás situacións máis adversas da vida e saír incluso fortalecidas das mesmas. Son xente que despois de recibir golpes vitais dignos dun KO técnico teñen a forza de erguerse da lona e volver poñer os puños en posición de defensa.

A palabra resiliencia chega a nós a través do inglés resilience, pero curiosamente a etimoloxía deste préstamo hai que buscala nun verbo latino: resilire (choutar cara atrás, rebotar). Este concepto, aplicado ás persoas e non só aos materiais, divulgouno o psiquiatra e neurólogo francés Boris Cyrulnik, que á súa vez o tomou do psicoanalista inglés John Bowlby.

É curioso, ou quizais é precisamente o que explica os seus estudios, que tanto Cyrulnik como Bowlby tivesen unhas biografías que non foron precisamente un camiño de rosas. John Bowlby naceu en 1907 no seo dunha familia londinense de clase acomodada que non se prodigou en darlle especiais mostras de agarimo. O seu coidado diario corría a cargo dunha empregada doméstica e os pais apenas o vían unhas horas á semana. Con sete anos, despois de que o separasen á forza da súa aia, o pequeno ingresou nun prestixioso internado. O propio Bowlby recoñeceu que a súa sensibilidade cara ao sufrimento infantil presente en boa parte dos seus estudos está ligado á súa propia experiencia.

A infancia de Cyrulnik, que ten 78 anos de idade e está considerado como un dos máis prestixiosos etólogos europeos, tampouco foi nada doada. Naceu nunha familia xudía e os seus pais, en plena persecución nazi, confiárono aos donos dunha pensión para que non o apresasen. Unha institutriz agochouno na súa casa pero prendeuno a policía. Grazas a unha enfermeira aquel neno conseguiu fuxir e púxose a traballar de mozo de granxa baixo un nome falso. Os seus pais morreron deportados e ao remate da Segunda Guerra Mundial recolleuno unha súa tía. Sen dúbida, esta turbulenta infancia motivouno a estudar psiquiatría e a tratar casos de nenos afectados polos máis variados traumas. Os seus traballos puxeron enriba das mesas dos especialistas o concepto da resiliencia.

Nas últimas décadas houbo certo debate sobre se a resiliencia era unha capacidade innata de certas persoas. A día de hoxe a idea xeneralizada é que a resiliencia non vén gravada nos nosos xenes: é un trazo de personalidade que ten moito de aprendizaxe. As persoas resilientes non nacen, fanse. Témolo oído dende cativos: «O que non mata, engorda». Para a resiliencia é fundamental o humor, pero o san e intelixente, non esoutro que a miúdo só busca burlarse a conta de terceiros. Rir dun mesmo e das situacións desfavorables ás que nos enfrontamos axuda a superar os problemas.

Coñezo (e admiro) auténticos exemplos de resiliencia. Un deles é o dunha miña veciña que xa pasa dos 90 anos, vive soa (morreulle o seu único fillo sendo aínda un mozo) e non goza precisamente dunha saúde de ferro. O outro día atopeina na rúa, apoiada nun portal.

-Neniño, veño do centro médico e a cada poucos metros teño que facer unha parada porque quedo sen alento. Pero...nunca peor, que por queixarme non me van subir a paga.

-Eu véxoa moi ben!

-Mal de todo non debo estar que aínda o médico me mandou espir hoxe!

A veciña proseguiu co seu andar inestable e eu pensei que preto de cada un de nós hai moita xente con máis solvencia científica que os mellores manuais de autoaxuda.