Ler a terra

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

25 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Case todo o mundo se queixa de como saíron este ano as patacas. Normal. Son cativas e poucas. O mildiu (a peste de toda a vida) e a falta de auga foron acabando con elas. Así que hai poucas para vender e as que hai van a prezo de laranxas. Non sei se coas fabas non pasará o mesmo, xa queda pouco para arrincalas e mallalas. E co millo, igual: sen chuvia foron secando moitos pés. Vese nos de sempre, para espiga de millo, e tamén nos de silo, eses que teñen na beira das cunetas unha marca de nome estranxeiro. Co tempo acabará poñéndose tamén publicidade comercial aos lados, aproveitando a dinámica comercial. E ata nos tractores.

Pero volvamos ás patacas, ou ás castañas, como se lles chama en parte de Bergantiños e de Soneira. Creo que, aínda que a maneira de cultivar e recoller cambiou, ao final son todo ciclos. Lembro anos seguidos con colleitas excelentes, con patacas tan grandes cheas de fillos que con tres xa enchías o cesto, e tamén anos malos. Ían, viñan, ían.... Eu pensaba era a terra a que se regulaba, a que dicía: este ano descanso. Ou este houbo menos esterco. Ou este tiñades que poñer aquí o millo e a min na outra beira, e agora tampouco vou dar aveas boas. Non sei, unha especie de sistema autocorrector. Quero crer que segue funcionando igual. Como un ente vivo, que o é. De feito, a terra sempre lle falou á xente. Meu avó daba unhas voltas pola leira a certas horas e miraba cara un sitio e cara outro para saber que facer, cando empezar, cando abrir. Como se recibira unha mensaxe. E el aprendéralle ao seu pai, e así sucesivamente. Se cadra o problema é que agora xa non lemos. Nin na terra, nin en nada.