Cabras no monte

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

CARBALLO

25 ago 2016 . Actualizado a las 00:12 h.

ano pasado, o meu tío Sindo aconselloume que vendese os eucaliptos que tiña no monte, xa que había algún murmurio de que seica podían arder por arte de maxia unhas árbores que, a cartos contantes, deberían aportarme cen veces máis. Case non recuperei os custos da plantación e a súa conservación, pero foi un bo consello, xa que as perspectivas de prezos razoables da madeira galega non son esperanzadores. Xa se sabe, xogar e perder, pagar e calar, pero sigo tendo o convencemento de que os montes galegos son rendibles, baseado na lei de Lavoisier de que a materia non se destrúe senón que se transforma.

Este ano, tamén na facenda do meu tío, observei que tiña unha manadiña de ovellas, con carneiro e todo como debe ser, e contábame que lle viñan moi ben para limpar a maleza que xorde nas leiras incultas pola vontade da nosa climatoloxía, estrugas incluídas, ás que algún día lles dedicarei un destes intranscendentes artigos meus. Tamén me sorprendeu con que contaba cun can que, realmente, era o que manexaba o rabaño.

Meu tío é un apaixonado do campo e pensa que a alternativa á gandería do leite está na de carne, pero non soamente na de vacún senón tamén na de ovinos e caprinos. Problema: non temos tradición, coñecementos, nin formación e información desas potencialidades. Certo é que non lle corresponde á Xunta, ¡faltaría máis!, impoñer a ninguén a súa profesión, pero os gobernantes poden crear as condicións que favorezan certas tendencias. A min o das cabras no monte paréceme unha boa idea para atallar os incendios e pode que máis barato que apagalos.