Canteira do Asalto ao Castelo

Moncho Gándara TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

20 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa van aló máis de dúas semanas da celebración da 21.ª edición do Asalto ao Castelo e tanto nos organizadores - Cherinkas, Axvalso e Concello- como nos veciños e veciñas aínda perdura ese pouso de satisfacción e autoestima polo ben que resultou a festa, desde as semanas previas coa Legua Irmandiña e o Encontro no Castro das Barreiras deica a semana e día centrais con numerosas actividades paralelas ao Asalto como foron os Pinchos Irmandiños, a Cea medieval, o Asaltiño, a Irmandade Parroquial? Abofé que as nosas hostaleiras e hostaleiros viron recompensadas as súas ofertas gastronómicas co éxito dunha grande afluencia de visitantes aos seus establecementos durante os cinco días da semana central.

Os Pinchos, sobre todo o venres e sábado, estiveron amenizados pola animación musical e teatral de diferentes grupos locais e de fóra. E neste aspecto de animación quero facer unha mención expresa, polo seu bo facer, aos grupos de mociños e mociñas da ESO e Bacharelato do instituto Terra de Soneira. Velaquí os integrantes do denominado Espazo artístico itinerante, que interpretaron sketchs teatrais polas rúas e en diferentes establecementos: Alberto Angües, Norma Gándara, Fran Infesta, Lucía Pose, Noa Rodríguez, Laura Santos, David Villaverde; ou mesmo o trío que se adicou a interpretar o Romance de cego (romance dos irmandiños): Alberto Andújar, Guille Del Moral, Roque Cernadas. Outra mención especial, tamén ben merecida por certo, é a das mociñas e mociños que participaron o sábado do Asalto, en sesións de mañán e tarde, na fermosa Visita guiada teatralizada pola historia do castelo. Acompañaron ao xograr narrador Manuel Rial, encarnando diferentes personaxes vinculados á historia do castelo: Alberto Andújar, Daniel Arias, Gala Cernadas, Roque Cernadas, Guillermo Del Moral, Fran Infesta, Rebeca Martínez, Mariña Miñones, Martín Pose, Noa Rodríguez, David Roget, Lucía Roget, David Villaverde.

Non cabe dúbida, a festa do Asalto terá longa vida porque tamén ten canteira propia... e da boa! E todo isto co debido permiso dos primeiros canteiranos, os furibundos irmandiños e irmandiñas do Asaltiño.