Cultura, tradicións, aldeas, nenos e campo

xusto sánchez

CARBALLO

José Manuel Casal

«(...) Creo firmemente que deberiamos empezar a afrontar o gran reto que significa unha reforma agraria. Se somos intelixentes e queremos mellorar o entorno onde nacemos, non deberiamos esperar a ser colonizados. Soño con ver ós nenos das nosas aldeas medrar a poder vivir do campo dignamente. ¿E moito soñar?»

17 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Con 22 anos vinme nunha pequena aldea da Costa da Morte, embarcándome nun proxecto con 40 vacas en pastoreo, co simple obxectivo de intentar saír daquel «atraso» tan famoso co que todo o mundo se refería ao noso rural. Un atraso moi marcado por unha economía de subsistencia, a onde as primeiras máquinas para traballar o campo e as primeiras ordeñadoras para muxir as vacas acababan de chegar.

Con ese ímpeto que caracteriza á xuventude e coa innata curiosidade de saber como vivían os labradores noutros puntos de Europa collín o coche, unhas mantas na maleta e unhas poucas palabras de francés que aprendera no bacharelato, e púxenme en camiño para percorrer o noso continente. Eses máis de 9.000 quilómetros deixáronme ver que o que aquí era «atraso» con maiúsculas, noutros países era sinal de prestixio e boa calidade de vida.

Despois de moitos anos eu chámolle cultura. Agora sei que a calidade de vida pódese fabricar, mais a cultura non se pode comprar. Ese mes de aprendizaxe fíxome pensar que, desde o meu pequeno recuncho, un proxecto innovador podía axudar a mellorar o meu entorno. É ben certo iso de estar no sitio adecuado, no momento preciso, pois a pesar de que me considero labrador de familia (sendo iso o saber de compartir traballos e tradicións) acabei sendo vendedor de vacas durante gran parte da miña vida. Non foi a acción da venda o que máis me entusiasmaba, senón o feito de establecer relacións con aqueles que acudían a min. Conservo as referencias dos animais que vendín co nome de cada cliente, e creo que sería capaz de contar a historia de moitos deles.

Estas vivencias fanse máis palpables cando paso por unha aldea e recordo de quen é cada casa, que vaca lles vendín, quen vivía, a historia de cada familia? Centos de persoas, de familias que me abriron as portas das súas casas e das súas vidas porque todos soñabamos na mesma dirección.

En toda viaxe hai un punto de inflexión, o pequeno cambio entre a persoa que es ao saír, e a que es cando volves coa mochila chea de experiencias. O meu punto probablemente fose á volta, cando polas estradas da Bretaña Francesa me atopei co Festival Interceltique de Lorient. A pesar de non saber de que se trataba, ao ser celta supuxen que encontraría entre a xente algún galego co que falar o meu idioma despois de tantos días. Así foi, que non só os encontrei, ¡senón que me conseguiron ata un sitio onde durmir! Durante eses días que pasei alí fixéronme ver a importancia da conservación das tradicións (musicais, gastronómicas, etcétera) e darme conta de que o sabor ten memoria e é parte da cultura, esa que parece só pervivir intocable nas aldeas. Por iso en tempos de tanta «evolución», creo que é o noso deber manter certas tradicións, eses sabores que evocan momentos ou lugares e que todos experimentamos algunha vez.

Esa «vinculación» con Europa sígoa mantendo a través dun club de gandeiros europeos que todos os anos nos xuntamos nun país diferente para compartir datos de xestión e aprender das nosas diferenzas. É nesas xuntanzas onde sinto a autoestima polo camiño percorrido e a perspectiva do que nos queda por andar. Tamén vexo as grandes dificultades que teñen os mozos para tomar o relevo e poder vivir nas aldeas da agricultura e a gandeiría. Podería dicir o tópico, dicir que é pola pouca formación profesional, cultura asociativa, falta de apoios a incorporacións.. Pero nun mundo globalizado no que queremos conservar a nosa riqueza cultural e económica, porque aquí nas aldeas van ao par, creo firmemente que deberiamos empezar a afrontar o gran reto que significa unha reforma agraria. Se somos intelixentes e queremos mellorar o entorno onde nacemos, non deberiamos esperar a ser colonizados. Soño con ver ós nenos das nosas aldeas medrar e poder vivir do campo dignamente. ¿E moito soñar?

Xusto Sánchez (Langueirón, 1955) é gandeiro. A finais dos 70 transformou unha explotación familiar de vacas de carne de Ponteceso nunha das maiores granxas de produción de leite de Galicia. A día de hoxe, muxen 425 vacas e producen uns cinco millóns de litros de leite ao ano. É presidente, a nivel español e galego, de European Dairy Farmers (EDF).