Moraime

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

18 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Seica entraron a roubar na igrexa de Moraime, esa xoia da historia e da arquitectura da Costa da Morte. Esnaquizaron a porta lateral sur, que durante moito tempo estivo tapiada e foi descuberta de novo no 1978, que foi cando quedou á vista a riqueza iconográfica do pórtico, no que hai unha representación da Última Cea. As pedras de Moraime son como unha enciclopedia, unha fonte de saber e admiración. Nese enclave hai restos de tódolos tempos, unha especie de compendio de todo os acontecementos, as formas de vida, a arte e as relacións humanas que se deron na Costa da Morte durante toda a historia. O templo é un tesouro en si mesmo, pero no terreo que o sostén e circunda agóchanse testemuñas dun pasado cheo de misterio que chama ao ser humano a desentrañalo. Parte do seu patrimonio desapareceu e está perdido e sen localización coñecida. Outras pezas si se sabe onde están gardadas pola irresponsabilidade de quen as posúe sen dereito e llas furta ao coñecemento xeral. Alfonso VII andou por estes lugares que agora non reciben o agarimo merecido. Ata vén de perder recentemente a Selvita Touriñán, a eterna e leal garda deste conxunto. Ela atesouraba na memoria acontecementos e feitos encol de Moraime que agora se perderon para sempre. Seguramente que se estivese viva sería quen de decatarse da acción dos ladróns que estragaron as portas da igrexa e da sancristía. Agora saben que o vello mosteiro, que foi abadía, logo priorato e agora parroquia, xa non ten quen a vixíe nin quen mire por el con auténtico desvelo e paixón. Como as pinturas, os valores de Moraime vanse perdendo día a día, como se foi Selvita.