Onde remata a política

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

CARBALLO

28 may 2016 . Actualizado a las 00:24 h.

Estes días os medios están cheos de páxinas e minutos destinados ao balance dun ano de xestión municipal. Aínda que cada grupo político valora segundo lle convén, como é normal, o que se pode observar é un grisallento ambiente compartido por gobernos e oposicións. As grandes palabras empregadas na campaña foron deixadas nalgún alpendre doméstico, vixiadas polos inocentes

e polos impacientes. Todo parece aparcado á espera do que se decida nas eleccións xerais.

A min ségueme a sorprender que sigan a existir inxenuos que pensen que un político ten unha gran capacidade de transformación do seu contorno. En realidade hoxe en día están moi limitados para exercer o poder, e é o primeiro chasco que levan os primeirizos cando sentan na butaca forrada.

Teño visto a válidos líderes sociais e comunitarios da comarca perder a súa influencia informal ao ensarillarse en partidos políticos. Se tiveran desenvolvido ese poder no berce das súas comunidades disporían dun cómodo «poder blando» moi superior e terían unha gran capacidade de influencia nos seus concellos, deputacións e a Xunta, con independencia de quen as goberne. O gran xogo da democracia está formado por pequenas persoas en lugares clave, que non teñen por que participar de corporacións e plenos. Para profundar no goberno do pobo, debemos sobre todo crear unha sociedade civil máis densa e forte, capaz de ter iniciativa alén das rifas entre grupos e as parálises conxunturais dos gobernos. Unha sociedade que comeza, xusto, onde remata a política tradicional.