Documentais, charlas, mesas redondas, obradoiros e música envolverán a primeira edición dos Premios Fouciño

La Voz

CARBALLO

Os actos comezarán maña coa procección de Feísmos no auditorio municipal de Baio

24 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os organizadores dos Premios Fouciño contan xa as horas para o comezo dun certame que pese a ser de nova creación nace cun ambicioso programa que incluirá charlas, mesas redondas, obradoiros, música en directo e a proxeccións de documentais. Estes últimos serán precisamente os encargados de erguer o pano desta iniciativa da asociación Adro que se celebrará en Baio. Así, mañá, o auditorio municipal acollerá a proxección de Feísmos, con Antía Ameixeiras e Alejandro Gándara , e o xoves será o colectivo Illa Bufarda o que mostrará o seu traballo Fíos Fóra (en ambos casos ás 21.30 horas).

O venres, o director Jorge Coira (premio Goya pola montaxe de O descoñecido) ofrecerá unha charla no IES Maximino Romero e se celebrará a inauguración oficial do festival (auditorio, 21) e a proxección de Fouciño Sanguento, a película rodada por un grupo de rapaces de Baio na segunda metade dos 90 e que dá nome aos premios.

O sábado haberá obradoiros infantís de stop motion (12.00, 45 Bar) e montaxe e sonorización (16.00, Academia Ábaco), e unha mesa redonda con Héctor Casa, Alfonso Míguez, Fran Estévez, Xacio Baña e Daniel D. García tras a proxección de Idiotas (12.00, Casa Ovidio). Ás 16 haberá proxeccións de curtas cedidas en varios locais e ás 18.00 Casa Rogelio acollerá o pase dos traballos que entrarán a concurso en paralelo a outros actos que se celebrarán en Casa Ovidio, Barbería José e nunha limusina. Xa pola noite, a praza Rial acollerá a entrega de premios e os concertos de Serj, Not Only Shills e IGMIG.