Manuel María: egrexio poeta para as Letras

Modesto Fraga A LUZ DO FIN DO MUNDO

CARBALLO

18 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Onte, os galegos e as galegas celebramos o día grande das nosas letras, efeméride instituída en 1963 para conmemorar o centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

Ao longo de todos estes anos -e deixando a un lado a eterna controversia que sempre suscita a elección de un ou outro autor- unha cousa semella meridianamente clara: vivimos nun país de poetas, de bardos, de ourives da evocación lírica. Abonda apenas un dato para constatar a evidencia. Das cincuenta e tres edicións celebradas até o de agora, máis de trinta e cinco foron para homenaxear exclusivamente a obra dos nosos poetas. Desde os rexurdimentistas Rosalía, Curros e Pondal, pasando por Cabanillas, Manuel Antonio, Celso Emilio Ferreiro até os máis recentes María Mariño, Uxío Novoneyra, Lois Pereiro ou Xosé María Díaz Castro. Somos unha terra de poetas, abofé. Hai quen di que nestes lares dáslle un couce a unha pedra e, ao instante, sae un poeta de debaixo declamando versos aos catro ventos. Eu tamén o creo. Mais isto, lonxe de ser algo negativo ou de escasa utilidade, entronca de cheo coas grandes culturas doutras latitudes. Ou acaso alguén cuestiona a estas alturas que as meirandes expresións literarias occidentais son obras literarias escritas en verso? A Ilíada e a Odisea, de Homero, a Divina Comedia, de Dante, A Eneida, de Virxilio, ou os sonetos de Shakespeare, Quevedo e Luis Vaz de Camões, por citar uns exemplos abondo coñecidos para calquera interesado lector.

Unha terra de poetas é sinónimo dunha terra de cultura, de autoafirmación da identidade, dun pobo que soña co progreso e o benestar social das súas xentes. A poesía de Manuel María, comprometida sempre coa nosa lingua, coa lingua dos labregos e co humus que emana da paisaxe desta terra milenaria, así nolo recorda nos seus versos:

«Galicia somos nós:

a xente e mais a fala.

Se buscas a Galicia

en ti tes que atopala».

Velaí a palabra do poeta, a voz que latexa na memoria dos tempos, na conciencia dun pobo e dunha lingua que perduran, que vivirán sempre.