«Creo que logramos dinamizar o sector hostaleiro local»

La Voz

CARBALLO

BENITO ORDOÑEZ

Sofía Agrafojo é voceira do Camiño dos Faros, unha iniciativa de moito éxito na bisbarra

05 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Sofía Agrafojo é voceira do Camiño dos Faros, unha iniciativa de moito éxito na bisbarra.

-¿Pódese dicir que é un éxito de masas?

-Creo que si. Trátase do desenvolvemento do Camiño dende unha óptica diferente aos grandes investimentos e os grandes desembolsos económicos. Fíxose todo dende unha óptica moi local, aproveitando os recursos que había. E levamos xa seis edicións con esta.

-¿Que impacto ten O Camiño dos Faros?

-Cremos que moito. Logramos captar a moitísimos turistas de fóra, pero sobre todo de aquí. Logramos un feito importante: que os veciños da Costa da Morte coñezan a Costa da Morte dende outra óptica diferente. De feito, moitos dos que veñen unha vez, repiten experiencia porque sempre algo hai diferente para ver, aínda que sexa o mesmo percorrido.

-Como a climatoloxía.

-Si. Un día ves e fai bo tempo e logo regresas e hai temporal, pero iso tamén ten o seu encanto.

-¿Inflúe O Camiño dos Faros nas pernoctacións?

-Dende logo. Xeralmente, a reserva faise para toda a fin de semana. Cando chega Semana Santa ou a tempada estival son moitos os grupos que collen sete días e, incluso, nove ou dez.

-¿Hai moito turista estranxeiro interesado nesta iniciativa?

-Si, e non deixa de sorprender. É certo que a maior parte dos que fan O Camiño dos Faros son, na súa maioría, da zona. Pero chama a atención xente interesada que é de Finlandia ou Italia.

-¿Que papel xoga esta actividade no sector da hostalería local?

-Creo que logramos dinamizar moitos sectores locais. Casas rurais que se xuntan para facer paquetes turísticos conxuntos, bares pequenos que teñen máis clientela, e non só cando hai as rutas, senón todo o ano.