«Son pacientes crónicos dende o útero materno ata que cumpren a maioría de idade»

La Voz

CARBALLO

02 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A pesar de que o labio leporino é unha patoloxía moi coñecida, o seu tratamento cirúrxico é notablemente delicado e complexo, e alóngase no tempo durante moitos anos. Iso si, os resultados ao final, se todo se executou correctamente, son plenamente satisfactorios, segundo afirma o doutor Caramés.

-¿A recuperación é total tras o tratamento?

-Se todo vai ben e están ben operados, aos 18 ou 20 anos xa poden facer unha vida totalmente normal, non teñen por qué ter ningún tipo de problema ou secuela. Iso sempre que non se dean casos como algúns adultos que temos visto, que se enteran da existencia da nosa unidade e veñen a consultarnos, porque son pacientes operados hai xa tempo. E claro, agora pódense facer as cousas moito mellor.

-Así que coa maioría de idade remata o tratamento.

-Cando remata o crecemento, a partir dos 18 anos, mírase se hai que facer algún retoque no nariz e aí terminaría o tratamento. Así que son en realidade uns pacientes crónicos que se collen dende o útero materno ata os 18 ou 20 anos. Crónicos en idade pediátrica, poderíamos dicir.

-E con moitas visitas ao hospital.

-Hai nenos que nos primeiros dous anos xa teñen seis intervencións cirúrxicas.

-¿Cando se fai habitualmente a primeira intervención?

-En casos moi graves xa lle poñemos unha ortopedia de recen nacido, un aparato que lle vaia centrando a desviación que ten na boca. E logo facemos unha primeira operación na que fixamos os dous lados separados do labio, para que non siga crecendo a apertura e os tecidos vaian engordando e estirando. Isto pódese facer xa ao primeiro mes de vida.