A outra casa de Xosé Neira Vilas

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O autor, falecido no seu fogar de Gres, teceu unha fonda relación coa Costa da Morte, ao igual que fixera a súa dona Anisia

28 nov 2015 . Actualizado a las 13:54 h.

Todos os nenos de aldea choraron onte a morte do escritor Xosé Neira Vilas, falecido na súa casa de Gres, en Vila de Cruces, aos 87 anos. Numerosas voces da Costa da Morte fixeron chegar a súa pena polo pasamento dun home humilde que teceu nos últimos dous decenios unha fonda relación coa comarca. Foron tantas vivencias, dende Cerceda a Fisterra, que ata deron para un libro, publicado o ano pasado: Con Anisia Miranda na Costa da Morte. Anisia -falecida no 2009- era a súa dona e foi con ela con quen por primeira vez pisou este recuncho atlántico no ano 81, para ver ás palilleiras de Camariñas. Logo viría o pregón da Feira do Libro de Carballo no ano 93. Máis tarde, no 94, un acto que perpetuou o amor do escritor por esta comarca e, de volta, o cariño co que era recibido: foi a homenaxe que lle rendeu Monte Branco do Couto (Ponteceso) no mes das letras.

Xosé María Varela, xerente da Fundación Eduardo Pondal, lembraba onte que coñeceu a Neira no verán do 93, cando foron velo para falar da posibilidade da homenaxe: «Descubrilo e querelo foi todo unha, a el e a Anisia». Era un máis da familia e a súa morte doeu no fogar. Aquel acto do 94 marcou «un antes e un despois»: era das primeiras veces que autores literarios se achegaban aos rapaces: «Tocábano para ver que estaba vivo». Dende entón chegarían moitas, moitas visitas á Costa da Morte e mesmo el e a súa dona foron padriños da escola de Cabana A Casa dos Títeres (chamada así por unha obra de Anisia). O seu paso polo centro con motivo do décimo aniversario, o pasado 22 de outubro, foi a derradeira vez que Neira Vilas se achegou á comarca. Ese mesmo día estivo no Couto, entregándolle o Premio Bo e Xeneroso a Siro López. Varela cita moitas virtudes de Neira Vilas: a humildade; a disposición de aprender (tomaba notas a cotío); a de ser un traballador incansable; a súa ansia de visibilizar o traballo («o que non está nos papeis non está no mundo»).

O propio mércores, Neira Vilas comunicáballe por correo a próxima estrea dunha dramatización baseada en Querido Tomás e tiña ademais na mente a publicación dun libro sobre mariñeiros mercantes. Coñecía e lembraba, nome a nome, a aqueles que o acompañaron nas súas viaxes pola comarca: quedou fascinado con Asunción Antelo, deu o pregón da Feira do Libro de Cee, da Festa do Percebe, das Festiletras, foi Galego do Ano en Carballo no 2006, levou o Bo e Xeneroso no 2009, quería estar sempre na Praza dos Libros, achegouse ao Simposio Pondaliano... Nunca agochou o seu amor por esta terra.

A humildade e o compromiso como marca do seu paso pola Costa da Morte

De tantas viaxes que Neira Vilas fixo á Costa da Morte -e que lembraba con memoria prodixiosa-, foron moitos os que lle colleron cariño. Os máis achegados saben que gustaba de escoitar coa súa dona a peza Ai, amor, interpretada pola coral Oliveira do Couto. E tamén que, se podía espelir os pés, axiña bailaba con Anisia A Rumboia interpretada por A Quenlla. Amaba e difundía as Festiletras, adoraba a Praza dos Libros carballesa e nunca quería fallar á palabra empeñada. Un home feito a si mesmo, cheo de proxectos como base de vida. O seu Balbino de Memorias dun neno labrego, tiña dito, ben podería ser un neno da Costa da Morte. «Síntome ben coas xentes e coa paisaxe desta fermosa comarca», engadía.

Escribía para facer idioma. O 28 de outubro, o autor de Vila de Cruces parafraseoulle ao xerente da Fundación Eduardo Pondal tres frases de José Martí, a quen admiraba: «Cuando en el mundo hay muchos hombres sin decoro, hay otro hombre que lleva en sí el decoro de los demás», «El sol tiene manchas y hay personas que solo ven las manchas y no son capaces de ver el resplandor», «Toda la gloria del mundo cabe en un grano de maíz». Isto é, forza, insistencia, traballo, humildade. A necesidade de comunicar, de subir montañas, fai irmáns aos homes, contoulle tamén. El tomou por irmá á comarca.