Ata sempre, Balbino!

Modesto Fraga IN MEMORIAM

CARBALLO

ana garcía

28 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe é un día triste para Galicia, para a lingua e a literatura de nós, pero sobre todo para os amigos e amigas que ao longo da vida compartimos a copa da amizade con Xosé Neira Vilas. Eu, que tiven a inmensa fortuna de gozar durante moitos anos da calor da súa amizade, téñome que conformar agora cos seus libros, coas súas cartas, cos seus sabios consellos, cos momentos que compartimos xuntos con Anisia, co seu afecto sempre sincero. Recordarei sempre as túas chamadas por teléfono, Pepe, e a túa paixón, case obsesiva, de gardar memoria do vivido coma ouro en pano; a primeira e a última conversa, a derradeira. E recordarei sempre as túas visitas a Sardiñeiro, na compaña da familia Lestón, e os numerosos encontros que mantivemos coa escusa da literatura, só coa escusa. Por iso nunca te olvidarei, Balbino! Grazas por tantas, tantas cousas que sería imposible citalas aquí hoxe neste día tan triste que queima por dentro. Sit tibi terra levis, irmán.