Realismo total

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

24 nov 2015 . Actualizado a las 12:38 h.

Creo que o realismo máxico atópase poñendo a orella nalgunha taberna a determinadas horas. Só hai que ter algo de tempo e escoller ben, pero para escoller tamén é preciso o tempo, ese que se nos vai lixeiro das mans mentres vemos como todo medra arredor: os fillos, a herba, as desigualdades. Volvamos ao realismo máxico, deixemos o social para outro día.  Estes recentes tiveron algún eco estatal nos medios dúas historias axeitadas a ese contexto que a nós nos parecen algo habitual (é o que o son!), pero que noutras latitudes quedan moi abraiados. O de Quinín, por exemplo, ese porco sabio, por porco e por vello, que habita na paz de Carral, e no que ben se podía ter inspirado Cunqueiro ?do que dicían que creou ese estilo moito antes ca García Márquez? cando no seu Xente de aquí e de acolá citaba o porco que saía da casa el só, para «ir á consulta» polo carreiro, a un home que o curaba dos seus males. Calquera día Quinín quítalle a cadea que ten a súa cancela e bota a andar cara onde se pon o sol, tal vez para morrer noutra paz, como fixo un can vello e sabio dun veciño meu.

  Tamén entra no máxico para outros, e no lóxico para nós, esa campá da Vila de Abade da que algúns tanto se abraian, só por estar pendurada dun carballo e levar así 50 anos. ¡O raro sería que a deixasen no chan! A elección do lugar obedece só a circunstancias temporais, igual que escoitala asubiar cando lle vén o vento do norte. Aínda ha de haber noites que repique como cando  tiña o badalo posto, pero iso non o vai contar ninguén, aínda que a escoiten.

  Realismo máxico e mítico, en fin, é que unha persoa ?outra veciña, para ser precisos?  sinta que se lle vai unha parte do seu ser, da esencia, cando descobre que lle acaban de talar a pereira vella da horta, a grande e centenaria,  á que tantas veces se abrazaron os seus devanceiros e ela mesma, dende que xogaba de nena. Si, xa sei que é difícil de entender para moitos que che doa no profundo que corten unha árbore que forma parte do entorno no que medraches. Son esas cousiñas que tiran moito cara a maxia.