Cemiterios

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

10 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa non queda nada para Defuntos. E Todos os Santos [miles de anos de evolución e algúns aínda seguimos confundindo as datas dun e doutro, igual que se a hora se adianta ou se atrasa cando lle toca]. Días de visitas aos cemiterios que moitos xa tiveron que adiantar. Ás veces porque non van estar o primeiro de novembro, ou porque non lle gustan as aglomeracións desas xornadas, ou polo que sexa. Nesta semana, ademais, o sol de outono convidaba a adentrarse neses recintos aos que todos, unha ou demasiadas veces, temos que ir. Parece que a luz de outono, xa non digo a de novembro, estimula a conexión con certas situacións intimamente complexas, aínda que iso xa vai na sensibilidade de cada un.

Moitas veces chamoume a atención a diferenza de tratamento da morte duns a outros cemiterios. É unha mera translación do que ocorre na terra dos vivos: dunhas parroquias a outras hai diferenzas de acentos, de traballos, de verbas, de xeitos de manexarse. Teño dito que son coma ríos sociais invisibles, pois doutro xeito non se entenderían identidades como espellos con varios lugares de separación, e a distancia. Pois coa morte, igual. Dende dentro da casa, ata o descanso final. Quedan os que aproveitan a terra, na beira do mar, evitando todo o que poden os nichos ascendentes. Hai cada vez máis que buscan deseño, confort para a vista do que chega, que a visita sexa máis amable esteticamente. Pero son detalles de continente. Do contido, o que máis me impresiona (ademais do case inexistente uso do galego) son as fotos. Lugares (temos 156 parroquias nesta zona, non é cuestión de repartir) nos que nunca na vida se puxo unha foto na lápida, e outros nos que case sempre foi o habitual. Ou por maioría no camposanto. Fotos boas, curiosamente. Sepias. Impresionan as dos máis novos: esas miradas. As dos maiores, non tanto. Lei universal, é o que toca. Algún dá a impresión de que xa fixera o retrato só para iso, e miraba con ollos de futuro ao obxectivo, como se estivera pousando para o seu epílogo. Pero, ¡como sabelo!