Nomes

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

CARBALLO

07 oct 2015 . Actualizado a las 14:35 h.

Case sempre, signifique o que signifique sempre nos tempos nos que estamos, me chamou a atención o proceso mediante o que se lle poñía nome a unha vaca. Unha especie de bautizo gandeiro que a marcaba para sempre: a cor da pel, unha pinta no medio dos ollos, unha orixe doutro pobo, a ocorrencia dun dos vellos da casa, a casualidade, a herdanza doutra que xa se nomeara así. Poñíase, quedáballe e punto, nada de solemnidades nin de historias raras. Ela ía asimilando ese carné: creo que todos, cando as tornabamos no herbal, chamamos por elas con nomes que non eran os seus e, se non estaban desprevidas, non atendían. Se era, viraban. Non son cans, pero cando queren ben que entenden. Formaban parte do ecosistema vital. Ás veces escoitabas berrar por elas aos veciños, e xa ías coñecendo tamén as das outras casas. Incluso os costumes: a máis atrevida para comer as follas do millo, para estirar a cabeza e arrincar algo da uveira, para buscar a verza por riba da sebe de volta á casa... Como coa xente, hainas que son moi espabiladas e outras que non.

Agora xa case non hai vacas rubias, pero as que quedan manteñen os nomes de sempre. Algo é algo. Das máis de 400 censadas na Costa da Morte, cifra mínima para o que chegou a haber, Pastora é o nome máis común. Xa era dos altos hai 20 anos, e 40. Non sei por que, parece que no gusta que empecen por P e rematen en A. Pastora, Paloma, Parrula, Pinta, Preciosa. Tal vez alguén descubriu hai tempo que atenden mellor á sonoridade bilabial e aí foi quedando. Tamén hai nomes ben raros, mirando en Acruga. Serán o equivalente ao Kevin, importacións. Pero temo que moitas das que andan por aí están sen bautizar. Ás veces, nalgúns herbais da zona, onde vexo varias xuntas, ceibas, mansas e desconfiadas, póñome na beira do alambre do pastor e veñen cara un a ver que pasa. Síntome como os vellos que se poñen a analizar as obras. Miro cara elas e búscolle un sinal, un xeito de mirar, de mover o rabo. Con eses datos adiviño como se chaman ou se chamarían. O outro día púxenlle a unha Reina. Díxenllo ben alto e claro: «Rei-na». Cando eu xa marchaba repetinllo, a ver se daba a volta. Pero nada, non o fixo.

¡A ver se fun escoller xusto a única republicana da manada!