Mañá, un concerto único no dolmen de Dombate

La Voz

CARBALLO

Na imaxe, unha das xornadas do campamento San Simón Fiddle na illa de San Simón este ano, coa visita e participación de Cristina Pato.
Na imaxe, unha das xornadas do campamento San Simón Fiddle na illa de San Simón este ano, coa visita e participación de Cristina Pato.

08 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

De Riobó a Borneiro. Mañá, o dolmen de Dombate volverá ser un espazo de dinamización, un escenario de luxo para as actividades preparadas e que chegan da man da asociación cultural Galicia Fiddle, entidade sen ánimo de lucro que ten como obxectivo promover o uso dos instrumentos de corda dun xeito alternativo. Fiddle vén sendo onome empregado para definir ao violín usado para interpretar músicas de raíz, cun xeito moi peculiar.

A actividade de mañá en Dombate terá dúas partes diferenciadas. A primeira será unha claxe maxistral para aqueles alumnos que queiran achegarse. Conta Alfonso Franco, que será o encargado de impartir esta primeira sesión, que o que alí poderá ver quen se achegue é o uso do violín para reproducir os distintos patróns da música tradicional. Algo que vai máis alá da simple melodía e que permitiría a calquera persoa identificar como música galega e de ningún outro lado. Esta clase maxistral será no centro de recepción de visitantes.

Para ás 19.00 horas está previsto o concerto de cordas de San Simón Fiddle, no que participarán unas 25 persoas, segundo adianta Franco, incluíndo a varios mestres, un piano e nenos. Os asistentes poderán gozar así dunha actuación de música tradicional galega tocada e cantada con violín, algo que, como el mesmo reseña, é algo único e tamén inmenso: «Non é posible en España ver unha agrupación de violín facendo música tradicional». Chegan os nenos de Tui, Vigo, O Porriño, Cambados ou Pontevedra e, todos, tomaranse como un día de lecer este domingo en Cabana. O concerto será no exterior do dolmen, debaixo dos piñeiros, con Dombate ao fondo.

«A cultura ten que estar viva»

Non é a primeira vez que Alfonso Franco pasa por Cabana. Estivo, por exemplo, acompañando ao violinista Casey Driessen, e asegura que se trata dun espazo único, cargado de emotividade. Pasou ademais polo Simposio. Sobre o uso destes espazos para actuacións, afirma que a cultura ten que estar sempre viva.

Centro de Recepción de Visitantes do dolmen de Dombate. Clase maxistral de Alfonso Franco, para os interesados.

Debaixo dos piñeiros, con Dombate ao fondo. Concerto. San Simón Fiddle. Unhas 25 persoas, moitas delas rapaces, ofrecendo un concerto único e, ademais, gratuíto.