Unha débeda impagable

Vicente de Lema ONDA MAINA

CARBALLO

30 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Alguén dixo que os mestres son os heroes da sociedade. Un bo ensinante sempre deixa unha pegada moi profunda na personalidade dos seus alumnos. A todos nos pasa. En realidade un pode lembrar despois de moito tempo os profesores que foron pasando pola súa vida, e ata o seu rostro, os seus xestos, as súas virtudes e os seus defectos, claro está, esvaecidos polo paso do tempo. Un sempre leva un recuncho da súa alma co agradecemento inscrito por todo o que lle puideron ensinar. Dicía Nelson Mandela que a «educación é a arma máis poderosa que se pode usar para cambiar o mundo». Unha persoa non é autenticamente libre se non ten dereito á formación.

Un leva coñecido moitos mestres, e moi bos, pero hai un par de profesionais que chegaron a cotas que serán difíciles de superar. É imposible non destacar nestes tempos a heroicidade de dous ensinantes da Costa da Morte aos que a súa vocación os levou a superar en moito as esixencias profesionais. Dous personaxes que viviron coa humildade dos sabios o pesado labor de formar ás novas xeracións. Unha sorte de sacerdotes do ensino que consagraron a súa vida ó labor de erguer fortes torres de coñecemento nos colexios que dirixiron e ós que lle entregaron a alma durante decenios e decenios.

Eduardo Noya, en Vilarmide, e Manuel Canosa, en Cee, marcharon en silencio, froito da súa humildade case enfermiza. O ensino deste Fisterra ten unha débeda moi profunda con estes dous homes, para os que os seus grupos escolares eran unha especie de templos aos que consagraron as súas vidas laborais, as fins de semana, as pontes, as vacacións, os días e as noites, e incluso varios anos das súas xubilacións, ata que tiveron que ir descansar case a forza.

Un chega a emocionarse só con pensar na entrega destes dous traballadores das aulas a unha profesión imprescindible para forxar os piares de calquera sociedade. O seu silencio non pode seguir tendo cómplices e cómpre un recoñecemento. A débeda contraída con eles é impagable.