«Gañar a Copa da Costa é unha das cousas máis bonitas»

Brais Capelán CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

JORGE PARRI

Cinco trofeos, o último como técnico, abalan a carreira do capitán xalleiro

03 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Una lesión nos ligamentos do nocello fixo pensar a Sergio Prego Cancela, Doro (Santa Comba, 1977), na idea da retirada definitiva dos terreos de xogo. Cando peor estaba o Xallas, el colleu as rendas do banco e, ademais da salvación, conseguiu a súa cuarta Copa da Costa consecutiva. Agora déixalle o posto a Iván Cancela.

-¿Como valora este ano tan complexo?

-Foi un ano, a nivel persoal, moi atípico. Estiven moito tempo lesionado. Aínda que fun o máximo goleador do equipo, non puiden aportar todo o que me gustaría.

-¿Pensara na retirada antes da lesión ou a raíz desta?

-Máis ben foi cando me manquei. A frustración de verme lesionado foi o que me quitou as ganas de seguir. Dou as grazas de que agora mesmo todo vaia ben. En principio vou facer a pretempada e, despois, a ver en que condicións estou.

-Seguro que os seus compañeiros animárono para seguir.

-Claro. Eles queren que siga e non o deixe. Eles apóianme e quérenme no equipo. En gran medida é por eles polos que decidín tratar de seguir un ano máis.

-¿Foi difícil de portas para dentro estar sen xogar?

-Non me gustan as lesións e non estou acostumado. O comezo foi duro porque son unha persoa á que lle gusta adestrar.

-¿Pensaban que se lles podería complicar tanto a tempada?

-Non, ao principio non contabamos con pasar os apuros que tivemos. Sempre hai que estar pendentes dos arrastres de Terceira, pero contabamos con estar na metade da táboa ao final da tempada.

-¿Como foi o momento no que lle propoñen ser o adestrador?

-Estaba tranquilamente na casa e entereime de que prescindían de Ruben Coméndez. Os xogadores falaron coa directiva para que eu os adestrara os partidos que quedaban. Tomei a decisión de aceptar por eles.

-¿Notou presión por salvar ao equipo?

-Si que a notei. Tiñamos que gañar polo menos un partido e agardar por outros resultados. Ao final saíu ben e mantivemos a categoría. O equipo quitouse a presión dun ano moi irregular e mira xa cara a próxima tempada.

-E chega a Copa da Costa e gáñana.

-Salvarnos quitounos moita presión e sabiamos que, por equipo, podiamos gañar o torneo. Ao final todo saíu ben.

-Ademais, gañouna de forma consecutiva como xogador e adestrador.

-Levo, xunto con outros dous compañeiros, gañando a Copa catro anos consecutivos. Ao noso nivel, gañar a Copa da Costa é unha das cousas máis bonitas. Atopas un ambiente especial, con centos de persoas nas bancadas.

-¿Que recordos lle veñen á mente da súa ampla traxectoria?

-Supoño que sería a chamada para xogar en Terceira. Houbo moitas cousas: ascensos, Copas... Pero, sen dúbida, pasar de xogar en Segunda Rexional a facelo en Terceira División é algo que, cando es máis novo, soñas con facelo realidade.

-¿Pensa en adestrar no futuro?

-Por suposto. Quero seguir ligado ao mundo do fútbol.