Contos de raposos

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

CARBALLO

24 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando hai uns días Manuel Rivas e César Freiría cantaban no Couto que un raposo berraba no alto de Camariñas para que lle levasen uns zapatos porque lle picaban as espiñas, os rapaces rían. Eran nenos e sabían ben que era difícil que un raposo pedise zapatillas, pois seguramente xa estaba acostumado ás espiñas, mais entendían perfectamente o que Rivas lles contaba, e a que viña todo aquilo. O animal Pindo faláballes do coidado do medio ambiente, da natureza. Era un conto, un conto con mensaxe. O caso é que nestes días de campaña tamén houbo quen nos contou moitos contos, algún deles con mensaxe de máis. Raposos ou non, levamos dúas semanas nas que todo é futuro (salvo algúns casos) e todo son promesas: «Faremos, construiremos, traballaremos, conseguiremos...». Esforzáronse os candidatos en chegar á xente, algúns con métodos un tanto estraños. E a xente precisa crer, igual ca precisa o humor. As cancións están ben e os chascarrillos tamén, pero non é asunto menor o que hoxe se decide, porque pasamos do futuro no que todo parece posible ao presente no que a ese todo non lle queda outra que ser real. Aló van quince días nos que algúns denunciaban unha febre de formigón de última hora, territorio fértil tamén, coma se fosen margaridas, para o florecemento de beirarrúas, farolas ou pontellas de entrada nas leiras. Os tempos cambiaron, pero aínda non cambiaron tanto. Así que, coma os rapaces do Couto, tamén á xente lle toca hoxe discernir hoxe que cousas eran contos, e cal é a metáfora. Non comulgar con rodas de muíño (e hóuboas do gordo dunha empanada). Tampouco quedar só co gusto do caramelo, porque nin os nenos o fan.