«O turismo debe converterse nun motor económico sostible»

Brais Capelán

CARBALLO

O veciño de Lires rexenta a casa de turismo rural As Eiras na súa localidade natal.
O veciño de Lires rexenta a casa de turismo rural As Eiras na súa localidade natal. Jorge Parri< / span>

O de Lires pide a unión de hostaleiros e concellos polo ben do sector

26 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

De novo, o Foro Voz terá como tema de debate o turismo da comarca. Este xoves, o coloquio trasladarase á Laracha. Alí estará Pablo Canosa Quintáns (Lires, 1979), presidente de APTCM (Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte) e portavoz do CMAT (Costa da Morte Asociación Turística), onde conviven os hostaleiros da zona e a Administración.

-¿Cal é a situación actual do turismo na zona?

-Existe unha parte diferenciada na Costa da Morte. Poderíamos dividir en norte e sur. A zona de abaixo estaría moi influenciada polo Camiño de Santiago. O norte, onde se inclúe o caso da Laracha, non ten este turismo de peregrino. Isto é o que estamos tratando de abordar no CMAT. Tratamos de aproveitar esas sinerxías e poder extrapolar o auxe que está tendo o Camiño no sur e levalo cara o norte.

-¿Cre que a clave está na colaboración público-privada?

-Por suposto. A administración ten que apoiar cos seus plans ao turismo e outra parte moi importante é a concienciación do sector privado. O turismo debe converterse nun motor económico sostible. Xa é importante na Costa da Morte, moi viable. Cando se acentuou a crise, quedou de manifesto que o que está sostendo parte da economía da zona é o turismo.

-¿É esa necesidade de unión a que impulsa esta asociación?

-Principalmente o CMAT xurdía para crear esa ferramenta público-privada e poder consensuar esas sinerxías e poder aproveitar mellor os nosos recursos comúns. O obxectivo claro é potenciar o turismo nesta zona.

-¿É posible agrupar aos hostaleiros da Costa da Morte?

-Por suposto. De feito, é un dos obxectivos cando se crea o CMAT. Buscábamos que a parte privada teña voz fronte á Administración, de cara a como nos debemos orientar para acometer as melloras necesarias no turismo. O viaxeiro que vén, á primeira persoa á que lle transmite as súas opinións é ao profesional do sector privado, que é o que presta o servizo.

-O entendemento non será doado entre tantas partes.

-O entendemento sempre é posible con diálogo. A primeira mostra témola presente, posto que xa hai un gran número de concellos da Costa da Morte que se adheriron ao CMAT. Se o diálogo xa empezou por aí e está ben encamiñado, claro que esperamos que se dea unha boa relación final, grazas ao consenso xeral. O futuro pasa por entendernos entre todos. Ata o de agora había ese problema de que uns ían por un lado e a Administración por outro. O CMAT é un ente público-privado que busca o consenso de todas as partes. Haberá diferenzas de opinións, pero buscando sempre ese equilibrio.

-¿Como é o trato que teñen cos concellos?

-Nós, en realidade, buscamos descentralizar o trato cos concellos a través dos técnicos de Turismo de cada zona. As particularidades do turismo en cada concello son moi distintas. Quen mellor as coñece no seu municipio son os técnicos, xunto coa área privada. A nosa idea é que, á hora de tomar iniciativas, o intermedio ou contacto sexa a figura do técnico de Turismo local.

-¿Que opina que ten que mellorar no turismo da zona?

-O que necesita o sector na Costa da Morte é, nunha palabra, formación. Temos que formarnos moito máis, porque fai moita falta. Tamén é necesaria a concienciación do sector privado de cara a ofrecer o mellor servizo posible. Por parte da Administración, terían que ofrecer as ferramentas necesarias para soster o sector. Nós, desde a parte privada, podemos saber que busca o turista e como promover o sector. Pero a Administración ten que dotar de maniobrabilidade aos hostaleiros para poder seguir traballando. De pouco nos vale ter igrexas románicas ou pontes históricas e dolmens milenarios se cando chegan os turistas encontran todo pechado. Temos unha carencia deses contidos que os temos sen explotar.

-¿Que lle diría á xente para que acudise este xoves ao Foro Voz da Laracha?

-É moi importante que a xente da comarca nos concienciemos e vaiamos a todos estes foros. Hai que ter en conta os distintos puntos de vista que podemos ver nestes coloquios. Os que asistamos levaremos con nós novas ideas para seguir progresando.