«Somos ricos en materia prima, pero pobres na industria»

L. García / B. Capelán

CARBALLO

ÓSCAR CELA

O docente analizou co director de Fonteboa o estado do sector lácteo galego

31 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Edelmiro Iglesias é profesor titular na Universidade de Santiago de Compostela e experto no sector lácteo galego, que leva anos analizando. O pasado venres participou nun foro en Oleiros sobre o futuro do sector. Onte volveu a expresar a súa opinión sobre a liberación do sector leiteiro en Europa no espazo Voces do Agro de Radio Voz Bergantiños. Entre outras cousas, comentou a súa visión da industria galega con respecto á europea.

-¿O sector do leite é importante en Galicia desde un punto de vista económico?

-Entre explotación e industria apórtase o 1,5 % do PIB. Hai que ter en conta o impacto que ten no resto de empresas. Estamos ante un conxunto de actividades económicas moi relevante.

-¿É un sector ao que hai que protexer?

-Diría que a apoiar mellor. En Galicia asociamos o sector lácteo á crise e non somos conscientes da riqueza que contén para o medio rural galego.

-¿Afecta o que suceda nos mercados internacionais?

-Na medida en que en Europa cada vez ten menos protección o mercado do leite, si que está a afectar. Hai dous fenómenos que se veñen dando na saída para os produtos lácteos. A demanda vai seguir aumentando desde fora e os prezos van continuar sendo elevados. As materias primas para a alimentación do gando tamén son cada vez máis caras. O mercado español está a ser decisivo para o noso leite. Sabemos que o sector estivo moi marcado polas cotas e, agora que desaparecen, o escenario vai cambiar.

-¿Qué problemas estruturais ten a cadea de produción do leite?

-Eu resumiríao dicindo que o que mellor estruturado está é a explotación gandeira. Polas dificultades a acceder a máis terras temos moitos problemas para evolucionar. Hai que pensar en potenciar o sector pensando nos alimentos que temos dentro de Galicia. Para iso é necesaria a intervención da Xunta para facilitar as terras para a produción.

-¿E a industria como a ve?

-O noso problema fundamental está na industria, que se resume en que por cada euro de valor do leite en Galicia engádense 12 céntimos. Aquí temos a materia prima, pero a industria é moi pobre. Trabállanse só os produtos máis básicos.

-¿E a distribución?

-Por este lado, a distribución ten a tixola polo mango. Estas cadeas teñen moito poder e impoñen a súas condicións á industria. Deben establecerse unhas condicións máis estables entre os dous entes para facer máis viable o sector. En Galicia somos ricos en materia prima pero non en industria láctea. Este campo ten que ser promovido polas institucións públicas.

-¿Que vai supor a eliminación das cotas lácteas?

-Non é tan radical o cambio que vai crear este cambio. Desde o 2003 estase a liberalizar o sector en toda a Unión Europea. O previsible é que o cambio non sexa radical, pero si hai certas incógnitas do que vai pasar. Presuponse que haberá un ascenso da produción en Europa e, en consecuencia, un descenso dos prezos do leite. Outro efecto da eliminación das cotas é que a produción vaise concentrar en aquelas zonas onde haxa unha industria láctea sólida. É unha incerteza, xa que hai un risco de que parte dos mercados que Galicia abastece pase a mans de outros lugares da Unión Europea que ofreza mellores condiciones.

-¿Que cre que debe mostrar a industria galega para ser considerada no futuro?

-No horizonte que temos por diante, hai que destacar que o relevante non vai ser ter a vaca que produce máis leite, senón os custes máis baixos por litro. Eu promovería concursos para premiar e resaltar as explotacións que minimizan os custes por litro de leite. Ese é o modelo que temos que loitar por conseguir. O que se trata é de que a xente que vive deste sector o faga da mellor maneira posible.