De vacacións a Suíza


18/03/2015 10:02 h

Pasaporte e permiso de tres meses, esta é a derradeira esperanza, o último cartucho dos poucos mozos que aínda non fuxiron nesta grande diáspora que converteu a nosa Terra nun verdadeiro deserto verdescente, hoxe, definitivamente xa sen relevo xeneracional. Somos a segunda Palestina, coa mesma poboación que hai dous séculos e superado xa o récord histórico de migración masiva, mentres os últimos mozos que aínda quedaban, agora, van a miúdo de vacacións a Suíza, investindo o que xa non teñen para procurar un suposto contrato temporal que os afaste desta miseria, disfrazada de xeriátrico xigante, ó aire libre. E o Papárcenas e o clan das contas ocultas nos paraísos fiscais non se tropezan cos nosos exiliados porque a casta debe viaxar en avións privados que, seguramente, pagarán con algunha desas famosas tarxetas Black. ¿Segundo rescate? Sen xuventude ... xa non hai nada que rescatar (aínda que a solución rima con rescatar). Se antes de arranxar a difícil devolución desa débeda dun billón de euros que pediron, ó noso nome, para rescatarse eles, poida que soliciten agora outro segundo rescate (posiblemente o fagan), pero non será para remediar os problemas da xente de a pé senón que o investirán en retroalimentar esta abundante banda organizada de larpeiros que hipotecaron o futuro incerto deste caos en vez de acubillar os nosos fillos, e netos, e sobriños... que agora van decote de vacacións a Suíza coa esperanza de non voltar (polo menos nun par de decenios) ó seu fogar, este deserto verdescente, esta segunda Palestina, que tristemente teñen que abandonar por motivos de forza maior.

Votación
3 votos