Os alumnos do IES de Baio súmanse ao movemento Bravú

Á. P.

CARBALLO

Sofía Tarela, con algúns alumnos e profesores do centro, durante a inauguración da mostra.
Sofía Tarela, con algúns alumnos e profesores do centro, durante a inauguración da mostra. J. M. CASAL< / span>

Sofía Tarela, das Garotas de Ribeira, deu unha charla e inaugurou unha exposición que se poderá visitar ata o día 16

03 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Ningún dos alumnos do IES Maximino Romero de Lema, de Baio, nacera cando o Bravú botou a andar e a maioría deles seguramente permaneceron alleos aos momentos do seu máximo esplendor. Pero todos eles foron recrutados onte para a causa por Sofía Tarela, integrante das Garotas de Ribeira, e mestra de cerimonias da inauguración da exposición que durante dúas semanas achegará este movemento cultural ao instituto baiés.

Tarela contoulles como soubo do Bravú desde Barcelona, onde estudaba filoloxía galega e como se deixou conquistar por un xeito de entender a música que comezou polo rock, pero que ela levou con éxito ao mundo do hip hop. Así o demostrou de xeito práctico durante unha amena intervención na que as súas rítmicas rimas foron recibidas por sorpresa e admiración polos estudantes.

Despois, algúns dos alumnos puideron ver xa a mostra que a través de diversos paneis repasa a cronoloxía, os representantes e a iconografía deste movemento encabezado por grupos como Os Diplomáticos de Monte Alto. A exposición, que se encadra nos actos do 20º. aniversario do instituto baiés, poderá ser visitado pola comunidade educativa ao completo ata o día 16.